A vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas, o tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, a presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA), Ana Requeijo Constenla, o vicedecano da Facultade de Enfermaría e Podoloxía, Pedro Gil Manso, e o presidente do Comité Organizador do XII Congreso de Estudantes de Podoloxía de Galicia e alumno do 4º curso do grao en Podoloxía da Universidade da Coruña, Lois Vázquez Campos, inauguran mañá, xoves 21 de marzo, ás 09:00 horas, no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol, un congreso de dous días de duración no que participan máis de 150 estudantes de Podoloxía de Galicia e de Castela e León.
A primeira conferencia do congreso, prevista para mañá, ás 10:00 horas, correrá a cargo do membro fundador da Sociedade Española de Biomecánica e Ortopodoloxía (SEBIOR), José Manuel Castillo Pérez, quen afondará nos efectos propioceptivos e mecánicos na patoloxía podolóxica infantil e nas alteracións da marcha. De seguido, ás 10:50 horas, intervirá o experto en Ecografía MSK en pé e nocello pola Universidad CEU San Pablo de Madrid, Pablo Bernardo Freire.
Logo dun breve descanso, ás 12:30 horas, o director da PEU Clínica de Podología situada en Denia (Alicante), Eugeni Llorca Bordes, falará sobre os principais problemas ortésicos no tratamento do pé plano infantil. A última das conferencias da mañá terá lugar ás 13:10 horas e será impartida polo creador e CEO de Brain4Feet, Sergi Prades Valls, quen explicará con detalle o uso da ecografía no eido da podoloxía. Xa pola tarde, o estudantado inscrito no congreso participará en varios obradoiros teórico – prácticos.
A xornada do venres 22 de marzo dará comezo ás 10:00 horas coa intervención do graduado en Podoloxía pola Universidade da Coruña e membro activo da Sociedade Española de Criminoloxía e Ciencias Forenses, Esteban Juan García Agra, quen realizará unha introdución á podoloxía forense. Ao longo da mañá falarán tamén o podólogo e diplomado en Medicina do Fútbol pola FIFA, Carlos Virosta Vela, o podólogo oficial do Pescados Rubén Burela FS Masculino e Feminino, Miguel Ángel Murias Carrasco, así como o podólogo e membro da ONG Healing the Children, Patricio Serqueira Keenehan.
Xa pola tarde, o programa do congreso inclúe as intervencións da podóloga, enfermeira e doutora en Ciencias da Saúde pola Universidade da Coruña, Raquel Veiga Seijo, dos profesores do grao en Podoloxía da Universidade de León, Alba María López Armesto e Miguel López Vigil, e, por último, a conferencia en liña do podólogo da Real Federación Española de Atletismo (RFEA), Bernardino Basas García.