Os populares preguntan ao goberno de «Camiña Sarria» as razóns polas que permanece pechada a rúa da Calexa e cando prevé reabrila ao tránsito

por Redacción Lugo

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular de Sarria preguntarán ao alcalde no vindeiro pleno sobre a situación da rúa da Calexa ante a falta de explicacións do goberno local sobre os motivos polos que segue pechada despois de case un ano cando os traballos de demolición dun edificio que motivaban o seu peche xa remataron e aparentemente non hai maquinaria nin traballos que obstaculicen o tránsito. Os populares pedirán información sobre as razóns polas que non se restablece o tránsito normal e polas previsións que manexa o goberno municipal para a súa reapertura.

A voceira, Carmen José López, sinala que “está a piques de cumprirse un ano dende o peche ao tráfico e ao paso peonil desta rúa situada entre as interseccións das rúas Frei Luis de Granada e Padre Sarmiento e os veciños da zona trasládannos a necesidade de proceder á súa reapertura, unha vez que aparentemente non existen razóns para mantela cortada”.

“Descoñecemos se a día de hoxe existe algunha cuestión técnica ou de seguridade que xustifique que o tráfico e o paso non se teña aínda restablecido” e por iso pedimos explicacións pola situación tendo en conta que “o peche desta rúa está ocasionando trastornos no tráfico normal na zona”.

“O equipo de goberno falaba dun corte dunha duración aproximada dun mes e medio, o derrubamento do edificio que motivou o corte en abril do pasado ano xa se produciu e, a piques de cumprirse un ano, seguen instaladas no acceso á rúa da Calexa as vallas e os sinais indicativos do peche da mesma” .

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario