Arroxo: «Seguimos traballando para que a veciñanza de Lugo aposte por acudir á Praza e ao Mercado, converténdoos en espazos referenciais do comercio de proximidade».
O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que hoxe en Xunta de Goberno se aprobou a concesión de dous novos postos no Mercado Municipal, «un espazo que estamos tratando de converter nunha referencia da hostalería e do consumo de productos de proximidade». Arroxo explicou que o último procedemento de adxudicación de postos remata agora coa adxudicación dos postos 21-22 a Figueroa Ferreiros SL, e do posto 23 a Manuel Vázquez López, que desenvolverán nesta instalación distintas actividades relacionadas coa hostalería.
Os distintos empresarios pagarán un canon mensual de 238,30€ polo posto 21-22 e de 119,15€ polo posto 23. Arroxo aproveitou para dar a benvida aos novos profesionais «que abrirán os seus negocios nos vindeiros meses, unha vez se complete o proceso administrativo e acondicionen os postos ás necesidades da súa actividade, e lembrou o importante traballo de dinamización executado pola Tenencia de Alcaldía tanto na Praza de Abastos coma no Mercado Municipal. «Organizamos actividades diversas ao longo do ano para promocionar estes espazos e os distintos postos que forman parte da súa oferta».
O Tenente Alcalde destacou o traballo realizado durante os últimos anos, «que nos permite ver hoxe unha Praza e un Mercado cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado».
Rubén Arroxo afirmou que a Tenencia de Alcaldía, a través da área de Participación, seguirá «mellorando as instalacións, realizando campañas a prol do comercio de proximidade e cubrindo o maior número de postos posible». Segundo Rubén Arroxo, «seguiremos a enchela de actividades, levando visitas escolares e ensinanso ás novas xeracións o valor do comercio tradicional».