Con grande entusiasmo, anunciamos a creación desta nova asociación que será a encargada da organización, coordinación e xestión das Xornadas Etnográficas do Morrazo (XEM) a partir de agora.
É unha asociación independente e transversal ao tecido asociativo existente, e aberta a calquera persoa que se queira integrar nela.
Dende a Xunta Directiva da asociación fan un chamamento a agrupacións folclóricas locais, asociacións culturais, veciñais, de montes, de mulleres, outros colectivos e persoas a título persoal para que se unan e, entre todas e todos, deixar patente a riqueza cultural que atesouramos no Morrazo e facer das XEM un evento referente. “Todas as persoas e colectivos que teñan algún tipo de relación coa etnografía (dende o folclore, os traxes, os oficios, os costumes, a cultura, etc) están convidados a integrarse ou colaborar de todas as formas posibles, na medida das posibilidades de cadaquén, e serán recibidos cos brazos abertos” comenta Natalia Fervenza, membro da asociación. Así mesmo, Miguel Sotelo -outro dos membros da asociación- destaca “a boa acollida e o apoio que están recibindo de boa parte do tecido asociativo, social e cultural da comarca nestes primeiros meses de vida” e confía en que sigan medrando os apoios para conseguir un gran evento “do que nos sintamos orgullosos, feito entre todos e para todos”.
A Xunta Directiva actual está formada por un total de oito persoas, na que hai representación dos tres concellos que forman parte da Mancomunidade de Concellos do Morrazo: Bueu, Cangas e Moaña. “Dende a asociación gustaríanos que as Xornadas Etnográficas medrasen e conseguisen unha relevancia importante para a comarca” coméntanos Tania Reyes, membro da asociación. Para iso é importante tamén manter e incluso aumentar o apoio do tecido empresarial mediante patrocinios.
As Xornadas Etnográficas do Morrazo naceron no 2018 da man da A.C. Peis d’hos e promovidas pola Mancomunidades de Concellos do Morrazo. Son unhas xornadas arredor da tradición, do folclore, dos costumes, da indumentaria, da cultura, do medio ambiente, dos oficios… en definitiva, da etnografía do noso pobo. Veñen celebrándose todos os anos a finais de agosto e comezos de setembro en Bueu, Cangas e Moaña. Nelas puidemos desfrutar de exposicións do traxe tradicional, de instrumentos, ou de fotografías, desfiles do traxe, actuacións de agrupacións de música e baile tradicionais destacados no panorama galego, espectáculos infantís, cantos de taberna, concertos, charlas, conferencias, obradoiros infantís e para adultos, presentacións de libros e de páxinas web, etc.
Poden contactar con eles no email xornadasetnograficasdomorrazo@gmail.com , no tlf. 670706147, ou a través das súas redes sociais sociais en Facebook e Instagram.