O IES Rosalía Mera acolle a homenaxe ás “Mulleres do pasado, semente de futuro”

por Redacción A Coruña

Trátase do acto final da campaña do 8M posta en marcha pola área de igualdade da Deputación, cunha dinámica interxeracional protagonizada por unha das avoas participantes e a súa neta

O IES Rosalía Mera foi hoxe o escenario do remate da campaña «Mulleres do pasado, semente de futuro», levada a cabo pola área de igualdade da Deputación con motivo da conmemoración do 8M. Púxose o broche final, así, a unha actividade interxeracional que consistía en que o alumnado de diferentes centros educativos entrevistasen ás súas avoas, co obxectivo de provocar unha reflexión conxunta entre ambas xeracións, sobre a evolución do papel da muller na sociedade. Estas entrevistas foron gravadas e poderanse visualizar na páxina web da Deputación.

Durante o acto de hoxe proxectouse un dos vídeos seleccionados e, ademais, a avoa e a neta protagonistas conversaron coa deputada, nunha charla na que tamén participou o alumando do centro. Entre todos e todas, abordáronse cuestións actuais e dereitos como o do divorcio, o do aborto ou o de poder usar pantalóns, «dereitos que nalgún momento a lei nos prohibía» sinalou Soledad Agra.

Con esta campaña, apuntou a deputada, «quixemos facer unha revisión da loita das mulleres do pasado que conseguiron importantes avances para nós a base de folgas, manifestacións, batallas contra a policía e o exército que nalgúns casos lle custaron a vida». O obxectivo desta campaña era, precisamente, «xuntar a xeración actual coas súas avoas para reflexionar en conxunto sobre como cambiou todo». Deste xeito, «con estes vídeos lembramos como era a vida das nosas antepasadas; porque todo o que temos ahora ata fai nada non era así».

Coa actuación musical de Carla Valiño, da Asociación de Estudantes do Conservatorio Superior de Música da Coruña (ASECOSMAC) ao principio e ao final da xornada, o acto contou tamén coa intervención do director do centro, Genaro García. Finaliza así a campaña do 8M da Deputación «Mulleres do pasado, semente de futuro», que «se enmarca nun plan de igualdade que vai máis aló deste día e que propón a busca da igualdade real nos diferentes espazos da vida».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario