– Ademais do risco para o medio ambiente, ós socialistas chantadinos preocúpalles a afectación da fábrica sobre todos os sectores, dende o agrogandeiro ata o servizos, especialmente ao turismo do Camiño de Santiago
A agrupación socialista de Chantada declárase en contra de Altri. Segundo os socialistas, a presenza de Altri pon en risco a viabilidade dun sector rural con gran peso das explotacións agrogandeiras e forestais, ademais de afectar a outro dos motores económicos e patrimonio sociocultural da zona: o Camiño de Santiago.
Nunha zona rural, un proxecto coma o de Altri impide que haxa hectáreas dispoñibles para aumentar a base territorial das granxas, compromete o cumprimento dos requisitos para a produción de alimentos, resta recursos hídricos ás explotacións… Así como afecta ó sector forestal, ás industrias da zona e incluso ós comercios e hostalería. Pero tamén á poboación xeral cun cambio climático que cada vez arrea con máis forza. Ademais, supón un consumo enerxético que só se poderá paliar aumentando os parques eólicos.
Segundo o PSOE de Chantada, “a empresa prometera nun primeiro momento 2.500 empregos, agora xa din só 500. Ademais, agora sabemos que se trata dunha celulosa pura e dura, co que iso supón”, alertan.
Polo mesmo, os socialistas de Chantada cren que se debe esixir que os fondos europeos que ían ir para Altri se destinen a proxectos industriais na nosa comarca que sexan máis respectuosos co medio ambiente e que creen empregos de calidade. A solución para o desemprego e a falta de oportunidades na zona non debe ter como prezo o noso medio natural.