O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 15 de marzo de 2024 sobre a relación vixente de persoas deportistas de alto nivel, alto nivel vitalicio, alto rendemento, rendemento deportivo de base, xuíces, árbitros e técnicos. No momento actual, o número total de deportistas galegos e galegas recoñecidos e recoñecidas segue batendo récords e chega xa a 1.173, sendo 458 mulleres (40%) e 715 homes (60%).
Arredor do 78% (911) de todos os recoñecidos son deportistas galegos de alto nivel (344 mulleres e 567 homes). Ademais, hai 121 deportistas de rendemento deportivo de base (63 mulleres e 58 homes); 85 deportistas de alto rendemento (30 mulleres e 55 homes); 30 técnicos de alto nivel (catro mulleres e 26 homes); 16 árbitras e xuízas (doce mulleres e catro homes); e dez deportistas galegos de alto nivel vitalicios (cinco mulleres e cinco homes). Entre estes DGAN vitalicios atópanse algúns dos mellores deportistas de Galicia como Carlos Arévalo, Carlos Pérez ‘Perucho’, Teresa Portela e Cristian Toro (piragüismo), Támara Echegoyen, Nico Rodríguez e Sofía Toro (vela), Adi Iglesias (atletismo adaptado), Susana Rodríguez Gacio (paratríatlon) e Chano Rodríguez (natación adaptada). Cómpre salientar, asemade, que entre todas as categorías están recoñecidos 37 deportistas galegos con diversidade funcional, o número máis alto da historia (trece mulleres e 24 homes).
Máis polo miúdo, as dez federacións deportivas con máis deportistas recoñecidos e recoñecidas son piragüismo (172), fútbol (82), atletismo (82), salvamento e socorrismo (80), taekwondo (80), patinaxe (55), vela (55), remo (53), halterofilia (33) e tríatlon e péntatlon moderno (32)
Estas cifras acadadas polo deporte de alto nivel de Galicia débense por unha banda, ao traballo e ao incremento de nivel dos deportistas de Galicia nos últimos anos, así como ao novo decreto de alto nivel publicado en setembro de 2020 que, ademais do deporte de alto nivel de Galicia, tamén recoñece o alto rendemento deportivo -práctica deportiva que aínda non pode ser cualificada de alto nivel pero cuxa proxección indica que estará en condicións de selo- e o rendemento deportivo de base -etapa de desenvolvemento e perfeccionamento previa a acadar o alto rendemento deportivo ou o alto nivel-. O mesmo ocorre coas categorías de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros, novos colectivos que se incorporan a figura do alto nivel, a través da Comisión Galega de Avaliación do Alto nivel deportivo.
Récord tamén nas axudas
Cómpre salientar tamén o ano 2023 que vén de rematar como un ano de récords no que respecta ás axudas para os deportistas galegos recoñecidos. No mes de outubro a Fundación Deporte Galego publicaba a resolución da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2023’. Estas axudas, convocadas no mes de maio contaban cun orzamento inicial de 500.000 euros e foron incrementadas ata preto dos 700.000 euros (680.940 euros), marcando un novo récord que supuxo un 12% máis que o exercicio de 2022, cando xa se había acadado o máximo histórico. En total, foron concedidas 445 axudas DGAN. Cómpre lembrar que, nesta edición 2023 volveuse optar polo modelo dunha única convocatoria para axudar á preparación e participación dos deportistas nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos de París 2024, así como ao resto de deportistas DGAN que tiveran o recoñecemento en vigor nalgún momento dos anos 2022 e 2023.
Neste 2024, a Fundación Deporte Galego reserva outros 600.000 euros para as axudas DGAN. Nas vindeiras datas sairá a primeira convocatoria cun importe inicial de 250.000 euros para os deportistas que están na carreira olímpica e paralímpica para París 2024.
Ademais, no mes de novembro resolveuse a primeira convocatoria de axudas para persoas técnicas, adestradoras e persoas xuízas, árbitras galegas de alto nivel da historia -Axudas TAXAGAN 2023- que chegou a un total de 25 persoas beneficiarias -16 persoas técnicas/adestradoras e nove persoas xuízas/árbitras- cun total de 45.500 euros, o que representa un incremento do 52% do seu orzamento inicial que era de 30.000 euros.