SGHN. «Greenfiber: imos a contar mentiras ALTRI-lará»

por Redacción Galicia

SGHN ven de solicitar que se desbote total e definitivamente o Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) para a instalación dunha fábrica de fibras téxtiles a base de celulosa, promovido por GREENFIBER, S.L.

Outra arma de eucaliptización masiva

Nomeando o todo (produción de 600.000 t/ano de celulosa) pola parte (só un terzo dedicaríase á producir Lyocell), o proxecto preténdese facer pasar como “industria de fibra téxtil a base de celulosa” ou “fábrica de fibras téxtiles de GREENFIBER, S.L.” Un novo exemplo de maquillaxe verde do sector eucalipto-celulosa en Galicia, que ven a unirse ao de “bio-fábrica” (sic) para a celulosa de ENCE en Pontevedra.

As fábricas de celulosa de ENCE en Pontevedra e Navia – cunhas capacidades de produción de 515.000 e 685.000 t/ano, respectivamente – son responsables directas de que o 28% do terreo forestal de Galicia estea cuberto por eucaliptos (409.000 ha, segundo o Inventario Forestal de Galicia de 2023).Malia que o proxecto de GREENFIBER incrementaría nun 33% a produción de celulosa en Galicia e a súa contorna inmediata, no EIA non se avalían en absoluto os seus efectos sinérxicos e acumulativos coas celulosas de Pontevedra e Navia sobre a eucaliptización imparable dos montes galegos e os seus enormes impactos nos ecosistemas terrestres e acuáticos (solo, auga, flora, fauna, paisaxe e risco de incendios; véxase recompilación bibliográfica).

Un pésimo emprazamento

Coa metade do seu perímetro lindeiro coa ZEC ES1110014 Serra do Careón, augas arriba da ZEC ES1140001 Sistema fluvial Ulla-Deza e da Ría de Arousa (ZEC, ZEPA e Humidal Ramsar Complexo intermareal Umia – O Grove, A Lanzada, punta Carreirón e lagoa Bodeira) e nunha zona que se contemplou para a ampliación da Rede Natura 2000, o emprazamento elixido é un dos peores que se poderían atopar en Galicia para unha actividade industrial destas características.

Polo encoro corren as lebres, pola Ulloa as sardiñas, ALTRI-lará

O proxecto contempla captar 46.000 m3/día de auga do Ulla no encoro de Portodemouros (a bombear cunha tubaxe de 12,5 km de lonxitude ata unha cota 200 m máis elevada), un consumo neto de 16.000 m3/día (maior que o de todo Lugo cidade) e a vertedura de 30.000 m3/día.

No que lle convén, GREENFIBER empregaría as mellores técnicas dispoñibles para obter auga con tres calidades axeitadas aos distintos procesos industriais:

  • Auga de proceso con pretratamento (con hipoclorito sódico) + coagulación-floculación (con sulfato de aluminio) + clarificación + filtración + tratamento de lodos.
  • Auga osmotizada: auga de proceso sometida filtración + ultrafiltración (capaz de reter incluso as bacterias) + osmose inversa.
  • Auga desmineralizada: auga osmotizada sometida a unha segunda osmose inversa + desmineralización.

Para o que non lle convén pretende empregar unha rutineira depuración das augas residuais: tamizado + clarificación + neutralización + axuste de temperatura + tratamento biolóxico.Nas presentacións do proxecto, os responsables aseguran que “El agua utilizada en las distintas etapas es tratada … en las instalaciones de depuración previstas por lo que es devuelta al río en excelentes condiciones, incluso con niveles de calidad potencialmente superiores, de manera que no se producirán alteraciones en el estado actual del mismo” e que “Aquí el agua no se consume: se usa y se devuelve en mejores condiciones, aguas arriba. Que volvamos a captar la misma agua que devolvemos es la máxima garantía de que está completamente limpia” .

En SGHN non dubidamos da intelixencia dos promotores do proxecto, pero eles non semellan ter nin moito menos a mesma opinión da cidadanía galega. Si a calidade das súas augas residuais fose incluso mellor que a do río Ulla:

  • Porque haberían de bombear innecesariamente de máis cada día 30.000 m3 de auga (equivalente ao consumo conxunto das cidades de Lugo e Ourense) a 12 km de distancia e unha altitude 200 m superior cun enorme consumo de enerxía?
  • Porque haberían de tirala en lugar de funcionar nun circuíto máis pechado e gabarse así de promover unha “economía circular”?
  • Porque haberían de construír unha tubaxe de 9 km de lonxitude para a vertedura?

A explicación está na propia solicitude de captación presentada diante de Augas de Galicia. Tendo en conta a aportación media do río Ulla nesa zona os 30.000 m3/día de augas residuais diluiríanse unhas 80 veces entre o punto de vertedura e o punto de captación. É dicir, a auga que captarían estaría 80 veces máis limpa que a da vertedura. Ou, o que é o mesmo, a vertedura das augas residuais da fábrica implicaría unha degradación das augas do Ulla cos conseguintes impactos ambientais río abaixo.

Impacto sobre hábitats prioritarios e flora en perigo de extinción

Malia que os trazados da tubaxe de captación e verteduras dende a finca de Quintas ata Barazón discorren por pistas de concentración parcelaria existentes, nos noiros destas pistas, mesmo a carón delas, medran exemplares de especies de flora en perigo de extinción (Armeria merinoi, Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum e Centaurea janeri). Tendo en conta a largura das pistas (6 m dende o centro da cuneta) e a das zanxas para as tubaxes (4 m) será virtualmente imposible que nos traballos de replantexamento, escavación con retroescavadora, apilado, e tapado non se afecten aos exemplares destas plantas que se atopen máis preto dos viais. Tanto para o trazado das tubaxes de captación e vertedura de augas como para o propio emprazamento da planta industrial no proxecto contémplase a translocación de tepes das zonas con presenza de hábitats prioritarios (4020 e 6220) e especies en perigo de extinción (Santolina melidensis, Armeria merinoi e Leucanthemum gallaecicum).Este plantexamento contravén o Convenio de Diversidade Biolóxica, subscrito polo Reino de España, que establece que “a esixencia fundamental para a conservación da diversidade biolóxica é a conservación in situ dos ecosistemas e hábitats naturais e o mantemento e a recuperación de poboacións viables de especies nas súas contornas naturais”.Na mesma liña, as “Directrices técnicas para o desenvolvemento de programas de reintrodución e outras translocacións con fins de conservación de especies silvestres en España” aprobadas pola Comisión Estatal para o Patrimonio Natural e a Biodiversidade (24-07-2013) e pola Conferencia Sectorial (07-10-2013) non contemplan a translocación de individuos de especies protexidas, desprazándoas do seu hábitat natural, a fin de facilitar usos incompatibles coa súa conservación como é o caso do proxecto de GREENFIBER.

Impacto sobre a biodiversidade acuática

Para a xustificación da zona de vertedura no EIA indícase que se realiza nun hábitat pouco axeitado para Margaritifera margaritifera, malia ser unha zona potencial de colonización pola especie e as obras o impedirían, xa que ademais influirían na migración da ictiofauna reófila da que depende a especie na súa fase larvaria. A vertedura impactaría así mesmo sobre hábitats bos ou moi bos para a toupa de auga (Galemys pyrenaicus) segundo o Proxecto Life+ Margal-Ulla, incluíndo o río Fontevella e o tramo do río Ulla entre a desembocadura do río Furelos e encoro de Portodemouros. A vertedura de efluentes industriais de GREENFIBER sería incompatible cos obxectivos e compromisos do Proxecto Life+ Margal-Ulla:

  • Reducir a contaminación orgánica que é unha das presións máis importantes sobre Margaritifera e Galemys na bacía do Ulla e na ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza.
  • Incluír no Programa de medidas do Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa as Directrices de Xestión da Bacía do Ulla contempladas na Acción C6 do proxecto.
  • Ampliar a Rede Natura 2000 incluíndo a zona que estaría máis afectada pola vertedura.

Ademais, proxéctase que as bombas de aspiración do sistema de captación de auga estean protexidas por gaiolas con luz de paso de 2 cm, cando en Canadá, EEUU e Escocia empréganse reixas de 5-25 mm segundo a talla dos peixes a excluír. Compre salientar que a protección dos salmónidos migratorios en todas as súas fases de crecemento é imprescindible para que Margaritifera margaritifera poida superar a súa fase larvaria adherida ás branquias dos peixes.

Un EIA que infravalora a biodiversidade da zona

Como cabería agardar polo reducido traballo de campo realizado (12 xornadas de xuño-setembro para a fábrica), o inventario de especies de fauna é moi incompleto:

  • No EIA se recolle a presenza de 68 especies de aves cando, de acordo cos datos rexistrados en e-Bird, no ámbito do proxecto hai rexistradas 144 especies de aves, das cales catro están incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Circus cyaneus, Circus pygargus, Milvus milvus, Himantopus himantopus) e 6 no Catálogo Español de Especies Ameazadas (Ardeola ralloides, Ciconia nigra, Circaetus gallicus, Circus pygargus, Milvus milvusChlidonias niger).
  • No que respecta aos invertebrados, no EIA do proxecto ignórase a presenza de:
    • Lucanus cervus (Anexo II da Directiva Hábitats, Anexo II do Convenio de Berna, de interese especial no Catálogo español de especies ameazadas).
    • Macromia splendens (En perigo de extinción no Catálogo Español de Especies Ameazadas; en perigo crítico en España segundo a UICN).
    • Euphydryas aurinia (protexida polo Convenio de Berna e Directiva Hábitats, incluída no listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e como Vulnerable-SPEC 3 no Libro vermello de bolboretas europeas).
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario