Recortes Cero prepara as primarias para elixir a candidatura e o programa para as Europeas

por Redacción Galicia

Nas últimas horas a organización abriu o prazo para inscribirse no censo para poder votar nas primarias. Un proceso aberto no que se votará a quen forme parte da candidatura para as Eleccións Europeas do 9 de xuño

Na web primariasrecortescero.es xa está dispoñible o formulario para inscribirse desde calquera punto da xeografía e participar nas votacións que empezarán o 22 de abril e concluirán o 1 de maio, a cinco días de presentar as listas. 

Durante estas semanas están a producirse distintos procesos de primarias, tanto para as eleccións europeas como para as catalás que se convocaron para o 12 de maio, ou para a formación da dirección de varias organizacións como Sumar. 

En Recortes Cero decidiron convocar un proceso de primarias no que “non só imos elixir a quen forma parte da lista europeas, e sobretodo a quen a encabeza, senón que imos votar o programa co que nos imos a presentar”. 

Ao mesmo tempo, Recortes Cero atópase recollendo avais en Cataluña para poder concorrer ás Eleccións. Ao non ter lei electoral propia, as formacións sen representación no Parlament deben recoller o 0,1% do censo en firmas, o que significa ao redor de 8 mil sinaturas, “tendo en conta que sempre hai unha parte de avais que non son válidos por distintos erros”. Recortes Cero é a única forza extraparlamentaria que desde que se modificou a lei para facer obrigatoria a recollida de avais recolleunos en todas as citas electorais presentándose en todas as circunscricións, tanto en Barcelona, como Lleida, Tarragona e Xirona. 

Un proceso similar é o que se produce nas Eleccións Europeas, nas que hai que recoller 15 mil sinaturas ou o aval de 50 representantes públicos. Segundo Nuria Suárez de Recortes Cero, “para a nosa organización a recollida de avais é un agasallo porque nos impulsa máis aínda a traballar nos barrios, que é onde máis ten sentido a nosa alternativa”. 

Nos próximos días constituirase o comité electoral para as primarias de Recortes Cero que fará público o censo oficial e as regras ás que deben someterse tanto as candidaturas que se presenten como os puntos do programa que se deben votar. A pesar de ser unhas eleccións europeas, Recortes Cero chamou xa a todas as súas asembleas provinciais a participar na elección de candidatos e candidatas que representen na lista á organización de cada autonomía. “Como é tradición en Recortes Cero, o primeiro que fará o comité electoral é lembrar os criterios para a elección de candidatos, que inclúen a representatividade dos distintos sectores existentes na nosa sociedade, a representatividade da muller e das distintas nacionalidades e rexións do país”, subliñou Nuria Suárez, a portavoz estatal de Recortes Cero que xa anunciou que será candidata a encabezar a lista europea.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario