Formoso destaca que se trata dun “instrumento pioneiro que permitirá racionalizar, planificar e modernizar a xestión da rede provincial de estradas, que conta con máis de 2.000 quilómetros”
O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe, cos votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e abstención do PP, o primeiro Plan Estratéxico de Estradas da institución provincial, “un instrumento pioneiro que está destinado a ser a folla de ruta sobre a que planificar, mellorar e modernizar a xestión da rede de estradas da Deputación, conformada por un total de 421 vías con máis de 2.000 quilómetros de lonxitude e un tráfico de máis de 400.000 vehículos cada día”, segundo explicou o presidente, Valentín González Formoso, que destacou que entre os seus principais obxectivos figuran incrementar a seguridade de vehículos e peóns, racionalizar a rede viaria provincial, mellorar a conservación e o nivel de servizo das vías provinciais, apoiar o desenvolvemento do rural, mellorar a infraestrutura para o transporte público e incorporar as novas tecnoloxías á xestión da rede viaria.
O Plan, cun marco temporal de cinco anos (2024-2029) e unha previsión orzamentaria de 210,5 millóns de euros, parte dunha “radiografía” da situación actual da rede provincial de estradas e establece seis eixos de acción, doce obxectivos estratéxicos e 21 liñas de acción para a mellora na xestión da rede provincial de estradas.
Radiografía da Rede
Fronte aos 571,73 quilómetros de estradas do Estado e os 1.725 quilómetros de estradas autonómicas cos que conta a provincia da Coruña, a Deputación xestiona un total de 2.060 quilómetros en 421 vías, o que supón que preto da metade de todas as estradas coruñesas son de titularidade provincial.
Polas estradas provinciais circulan cada día máis de 400.000 vehículos e nos últimos anos (2019-2023) os datos de sinistralidade confirman un descenso dun 8% no número de accidentes e dun 5,8% no total de vítimas nos mesmos (mortos, feridos graves e leves).
Racionalizar a rede viaria provincial
Un dos obxectivos do plan é racionalizar a rede viaria provincial, xa que 239 estradas discorren por un só concello e máis dun terzo das mesmas teñen unha lonxitude inferior a un quilómetro. A Deputación xestiona numerosos tramos de vías que na práctica funcionan como rúas nos centros urbanos, polo que son susceptibles de ser transferidas aos concellos, e outros que conectan vías autonómicas ou enlazan con outras provinciais, polo que sería máis apropiada a súa transferencia á administración autonómica.
Neste sentido, o plan contempla negociacións con Xunta e concellos para acordar as estradas susceptibles de transmisións mediante convenios, así como as súas condicións, e reserva preto de 18,5 millóns para as transferencias a concellos e 29,1 para transferencias á Xunta de Galicia.
A adecuación da rede de estradas a unha dimensión acorde cos fins provinciais permitirá concentrar o esforzo económico nas vías que máis o necesiten, adecuando a súa capacidade e trazado aos tráficos que soportan. A racionalización suporá tamén unha mellora da conservación das estradas, na que a Deputación inviste actualmente máis de 11 millóns de euros anuais, ao diminuír os quilómetros a manter.
Incrementar a seguridade e apoiar o desenvolvemento rural
Entre os obxectivos do plan está tamén incrementar a seguridade das vías provinciais, incidindo en aqueles usuarios e usuarias máis vulnerables como peóns e ciclistas, seguidos de motoristas, turismos e vehículos pesados.
Esta mellora da seguridade levarase a cabo con actuacións como a creación de itinerarios peonís seguros que se sumarán aos 380 quilómetros de beirarrúas e sendas peonís xa existentes; ampliación e mellora do trazado das vías, adecuándoas aos niveis de tráfico real que rexistran, melloras no plan de conservación e reducción nos tempos de tramitación e execución das obras.
O capítulo de conservación de estradas é o que conta coa maior previsión orzamentaria (70,6 millóns de euros), seguido dos novos investimentos (47,1 millóns), mellora de firmes (15 millóns) e sendas peonís (11,1 millóns).
O plan incide tamén na importancia dunha política axeitada de investimentos nas vías dos municipios rurais, así como contribuír a melllorar as condicións de uso do transporte público, que non é unha competencia provincial, mediante melloras de trazados e firmes ou adecuación de marquesiñas e paradas de bus.
Transformación dixital e innovación
Ademáis das melloras na rede viaria, o Plan Estratéxico de Estradas incide na necesidade de potenciar a transformación dixital coa implantación da metodoloxía BIM (Building Infomation Modelling) que emprega modelos dixitais tridinmensionais que conteñen información detallada dos distintos aspectos dos proxectos como son os xeométricos, datos de materiais ou custes, logrando unha xestión máis eficiente.
Ademáis, coa finalidade de mellorar tanto a planificación como a xestión diaria das actuacións na rede provincial de estradas, proponse a implantación de sistemas de intelixencia artificial, Big Data, e xemelgo dixital, unha réplica virtual da estrada que combina datos en tempo real con modelos dixitais detallados.
Coa progresiva implantación destas tecnoloxías preténdese, por unha parte, diminuír os erros de deseño e coordinación das obras e, por outra, aumentar a cantidade de información dispoñible que posibiliten unha toma de decisións máis acorde ao estado real e uso das estradas.
O investimento previsto no apartado de transformación dixital é de 1,1 millóns de euros.