A Policía Local investiga os feitos e solicita a colaboración cidadá
O Concello da Laracha denuncia publicamente o acto vandálico rexistrado durante a Semana Santa na área recreativa de Gabenlle e que se saldou con importantes danos nunha das mesas de granito que están a disposición dos usuarios do que é un dos espazo de lecer e esparexemento de referencia no termo municipal da Laracha.
A Policía Local investiga os feitos e solicita a colaboración cidadá para tratar de dar coas persoas responsables destes actos.
Ao mesmo tempo, o Concello está a tomar as medidas oportunas e nos próximos días levaranse a cabo as actuacións necesarias para reparar os danos e que o mobiliario da área recreativa volva estar á maior brevidade nas mellores condicións para os seus usuarios.
Desde o Concello laméntase o sucedido e ínstase tanto á cidadanía larachesa como aos visitantes a desfrutar dos espazos públicos e os seus equipamentos de xeito responsable.