A iniciativa recolle a realización dun estudo sobre a cobertura de rede de fibra óptica para identificar as zonas con dificultades e desenvolver as medidas necesarias para posibilitar o acceso
Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular en Sarria defenderán unha iniciativa no vindeiro pleno coa que solicitan ao goberno local realizar un estudo sobre a cobertura de rede de fibra óptica para identificar as zonas con dificultades e desenvolver as medidas necesarias para posibilitar e fomentar o acceso á fibra ao maior número posible de veciños do municipio.
Os populares trasladan esta petición ao pleno facéndose eco dos problemas que lles teñen trasladado os veciños do barrio de Quintela, en Oural; Goián ou Pintín ante “a falta de instalacións para facerlles chegar a fibra óptica cando intentan contratala con algunha das empresas operadoras”.
Os concelleiros do PP son conscientes de que “dispoñer dunha conexión á Internet de calidade contribúe a asentar poboación e dotar de oportunidades laborais aos núcleos rurais en igualdade de condicións que as zonas urbanas”. É máis, “dispoñer de acceso á Internet de alta velocidade é imprescindible para o día a día das explotacións agrogandeiras, cooperativas, casas rurais ou outras actividades que se asenten en núcleos rurais, ademais de favorecer o teletraballo”.
Precisamente o teletraballo cobrou maior protagonismo trala pandemia que acelerou cambios sociais. Pero o acceso á Internet de alta velocidade faise tamén necesario para acceder a todo tipo de trámites, xestións ou reunións sen necesidade de desprazamentos. Incluso tamén é relevante esta conexión para o acceso ao ocio, contidos audiovisuais e culturais de forma que se garantan as mesmas condicións que en contornos urbanos. “É unha oportunidade para o emprendemento, pero tamén permite facer vida no rural”, subliñan.
A portavoz, Carmen José López, cre que garantir o acceso á Internet de alta velocidade debe ser “un obxectivo claro para as administracións locais, unha perspectiva que xa moitos Concellos da nosa provincia e, en xeral, do territorio nacional fixeron efectiva con plans e actuacións específicas que facilitaron o acceso a internet á totalidade dos seus respectivos territorios”.
Proposta do Grupo Municipal Popular
Os concelleiros propoñen concretamente:
– Realizar un estudo sobre a cobertura da rede de fibra óptica no municipio de Sarria, e de forma específica nas distintas parroquias que o conforman, a fin de detectar todas as zonas con dificultades ou imposibilidade de acceder a este tipo de servizos de telecomunicación. – Unha vez identificadas as necesidades insatisfeitas, e en base aos datos obtidos e as particularidades de cada núcleo, levar a cabo todas as medidas e xestións posibles para posibilitar, incentivar e fomentar o acceso á fibra óptica ao maior número posible de veciños do noso municipio.