Trabada réndese á súa gastronomía local coa Festa da Enfariñada

por Redacción Lugo

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este xoves un acordo de colaboración co Alcalde de Trabada, Rubén García Freije, para impulsar a celebración da quinta edición da Festa Gastronómica da Enfariñada, que se celebrará o vindeiro día 5 de maio

O mandatario provincial resalta a importancia desta festa que combina tradición con cultura e que pon en valor este prato típico, dándoo a coñecer dun xeito gratuíto para o conxunto da sociedade. “Esta cita naceu no 2015 e xa ten unha gran aceptación. De feito, o ano pasado servíronse máis de 700 racións, o que dá boa mostra do gran traballo que fan dende o Concello e tamén dende a veciñanza para facer desta festa un atractivo máis de Trabada que contribúa á dinamización social e económica”, indicou José Tomé.

A institución provincial achegará 10.000€ para esta cita, que servirán para a elaboración da enfariñada, pero tamén para a organización de actividades que animen esta xornada festiva, música e un mercadillo de produtos locais e de artesanía.

A enfariñada, tamén chamados faragullos, elabórase con touciño, ovos, leite, fariña e auga, e entrégase para a súa degustación en cuncas. A súa elaboración corre a cargo da veciñanza, que se involucra dun xeito desinteresado para dar a coñecer este prato típico da zona.

Foto portada: Turismo de Trabada

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario