Felicitacións ao traballo de información do BNG que esgota as follas de reclamacións
O portavoz municipal en nome da Asemblea do BNG de Dodro moderou a mesa informativa sobre o proxecto de ALTRI que afecta a un lado e outro do Ulla. Presentouse un vídeo protagonizado pola veciñanza que sintetiza as accións que está levando a cabo o BNG ante este macro proxecto.
Xoán Bautista Mariño doulle a palabra a defensa da ría de Arousa, Fins Eirexas de Adega e á parlamentaria do BNG Iria Carreira.
Entre todas debullaron a historia do proxecto industrial de ALTRI, que vai contra as economías produtivas da zona da Ulloa, río Ulla e Arousa. Destruiría un modelo sustentable, postos de traballo e a ruína dos sitios por onde se estenda a contaminación xerada por unha industria que busca en Galiza o que non lle permiten en Portugal. Dixeron que a ocultación de información sobre o proxecto é explicable por criterios políticos en connivencia con intereses industriais que atentan contra nós.
A través do DOG, o pasado 4 de marzo -curiosamente días despois das eleccións autonómicas- sóubose da magnitude do proxecto da empresa portuguesa para o corazón do país, que consumirá auga do encoro de Portodemouros para fabricar celulosa e en menor cantidade Lyocell, 46.000 m3/día e verterá ao río Ulla -do que beben desde Padrón a Ribeira- 30.000 m3/día. As dimensións da denominada bomba ambiental serían o punto e final da xa maltratada Ría de Arousa en palabras de Xaquín Rubido da que só en emprego directo dependen miles de persoas. Os datos expostos falan por si sós: ata 10 veces a actual celulosa de ENCE en Pontevedra, 1,2 millóns de m3 de eucaliptos, 400.000 toneladas de produción anual de pasta de papel. Fins Eirexas aclarou as implicacións para a Ulloa e para as ribeiras do Ulla ao mesmo tempo que dixo que se trataba dunha chapuza como proxecto, insultante para as galegas e que de obviar os sectores produtivos de gandaría, agricultura, turístico, marisqueiro e pesqueiro iniciaríanse outras accións vía xudicial ante unha empresa consumidora dos recursos galegos que non reverten no país se non só na empresa que actúa como colonizadora para.
Pola súa banda a deputada nacionalista Iria Carreira incidiu no escurantismo e a falta de información interesada ante un proxecto depredador semellante aos que ampara o PP coas súas políticas de eucaliptos ou aeroxeradores sen control.
A xente que encheu o local municipal aplaudiu o vídeo resumo do BNG protagonizado por veciñanza de Dodro e esgotou as reclamacións repartidas tamén por establecementos de todo o concello para seren entregadas no rexistro da Xunta de Galiza. O BNG anunciou máis accións de protesta antes de que acabe o período de alegacións a mediados deste mes.