Hai tempo que o fútbol feminino deixou de ser unha anécdota para converterse nunha realidade, un espazo no que o deporte é o protagonista pero tamén un perfecto escenario para a reivindicación da igualdade e os dereitos das mulleres. Que é necesario seguimos a velo a cotío, e aínda que cada vez hai máis resortes para que non quede impune, aí temos a Luís Rubiales, todo un ex presidente da RFEF, imputado por agresión sexual e coaccións despois de bicar a unha xogadora na boca diante do mundo enteiro sen ela consentir tal cousa e pretender, en base a súa posición de poder, que a propia xogadora quitase ferro ao acontecido visto o balbordo mediático desatado. A imaxe cargando nos ombreiros a outra das campioas españolas tampouco resulta moi edificante, infantilizando a unha profesional que viña de gañar o máximo trofeo ao que se pode aspirar como selección. Se iso acontece en tan altas esferas, imaxinemos nas competicións que non saen nas portadas nin captan máis atención que a da contorna onde se desenvolven, pero non por iso hai que calar ou mirar para outro lado ante as agresións verbais ou de calquera tipo.
Co gallo do pasado Día da Muller, na Concellaría de Cultura do Concello de Camariñas, a titular do departamento Encarna Liñeiro, argallaba unha equipación en tons morados para o recentemente creado equipo feminino da vila coa idea de visibilizar un pouco máis esa loita pola Igualdade que precisa ser desputada a diario. Foi presentada nesta pasada edición da Mostra do Encaixe nun desfile que non só desatou admiración, senón igualmente furor por facerse cunhas camisetas que queren ser símbolo sobre o céspede pero tamén na rúa dun «Acabouse» real, onde ningún árbitro minusvalore o fútbol feminino porque só é «un partido de chicas» ou na bancada haxa quen se crea con dereito a mandar a ningunha xogadora ou árbitra á cociña, ou mesmo facer referencias sexuais ou en base ao físico de cada unha delas. Porque aínda existen eses comportamentos e están lonxe de extinguirse, e para que iso pase algún día por lonxano que estea, hai que educar desde abaixo, desde esa base que medre con conciencia igualitaria en todos os ámbitos. Poñerse moradas….É cousa de todas!