Europa debate mañá a denuncia sobre a manipulación na CRTVG

por 21 Noticias

Ana Miranda: “Queremos trasladar todo o noso apoio contra a manipulación e contra o trato que reciben as traballadoras e traballadores”

Tras varios meses de retrasos, a petición presentada o pasado ano polo Comité Intercentros da CRTVG debaterase mañá na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo. “Queremos trasladar todo o noso apio desde o BNG e como eurodeputada galega contra a manipulación e contra o trato que reciben as traballadoras e traballadores”, subliña Ana Miranda.

Así, mañá na Eurocámara falarase da manipulación existente na televisión e a radio públicas de Galiza e o incumprimento por parte do Goberno galego do Partido Popular da Directiva de Servizos de Comunicación Audiovisual, así como a falta dos principios de imparcialidade, pluralismo e non discriminación. En concreto, comparecerán dous representantes do comité de empresa para explicar os casos concretos de manipulación que se producen na CRTVG.

Esta denuncia, presentada por traballadores e traballadoras do ente público galego, foi declarada admisible pola Comisión de Peticións no mes de setembro de 2023 e desde entón o PP manobrou en diversas ocasións para que non fose incluída na orde do día da Comisión, até que os servizos xurídicos do Parlamento Europeo deron a razón ao Bloque a través do grupo Verdes-Alianza Libre Europea para que se puidera tratar antes do fin do presente mandato.

De feito, a eurodeputada do BNG denunciou en reiteradas ocasións as manobras realizadas polo PP, para vetar esta petición por puro partidismo, e pola presidenta desta Comisión, Dolors Montserrat, pola súa clara falta de imparcialidade, impropia da función que ten encomendada.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario