Entre liñas para marcar un gol coa cabeza

Hai dúas semanas presentouse na Alexandre Bóveda da Coruña “Entre liñas”, un libro enfiado por oito relatos curtos que nacen do fútbol. O fútbol ten unha ligazón literaria tan perceptible como calquera materia. Entre liñas, ás veces sobre elas e outras superándoas, son oito historias que che atrapan como o partido do teu equipo. É a primeira obra destas características do selo O DEZ, a única revista galega sobre a cultura do fútbol.

Cando un anda perdido na felicidade dun ascenso non pode imaxinar a vida privada dos protagonistas que o consumaron. Tal vez a viaxe ao nacemento dun conflito bélico, tal vez unha viaxe interior mergullado nunha realidade que comeza a non entender. é a inquietante suxestión que nos propón Carlos Meixide.
Dúas finais de campionatos de mundo, conectados por unha pelota con moita historia, recorren unha competición pasando dun xénero ao outro. Beatriz Maceda Abeleira faino sen esquecer que o fútbol é un territorio no que a metede da humanidade ten conquistas pendentes.
As veces, as segundas partes son nefastas. É boa idea recuperar as partidas de despois do colexio para encamiñar unha celebración, moitos anos despois? O relato de Manuel Seixas é absolutamente brutal, como se o asunto lle fora contado por Blanco Amor.
Pola súa banda, Antonio M. Fraga cóntanos unha historia entre Upton Park e Easter Road, con personaxes que poderían ser de Irvine Welsh, como el mesmo recoñece. Dos oito, é o relato máis extenso e o máis denso.
É posible que a descuberta dun vello campo de fútbol poda mudar unha vida? Ao mellor tanto como iso, non; pero si xerar unha motivación no medio da nada. Quen nolo relata é Iolanda Zúñiga.
Rosa Aneiros ofrécenos 22 páxinas, como se fora a relación dos dous onces iniciais para un partido. A través delas vemos que se unha pancarta pode mudar unha idea, un gol pode mudar moito máis.
O penúltimo pase de gol dánolo Lois Pérez nun relato con dous modelos de xogo. O escritor comeza o partido coa táctica do Ulyses, o de Joyce. Sen embargo, muda no segundo tempo a outra máis común. A mestura fai que o remate deixe un resultado incerto.
Para o treito final queda o máis curto dos relatos curtos: un contundente exabrupto pedagóxico de Pedro Feijoo.
Oito nomes de prestixio para formar parte dunha irmandiña literaria, expertos no xogo entre liñas antes de colocar un centro medido á cabeza do lector.

O libro pode adquirirse en librerías de varias cidades galegas ou escribindo a revistaodez@yahoo,es

Comparte éste artículo
No hay comentarios