O BNG insta á Xunta a cubrir a praza do persoal de pediatría de Guitiriz, Rábade e Begonte

Olalla Rodil, deputada nacionalista, mantivo unha xuntanza con representantes de anpas e familias afectadas

O Bloque Nacionalista Galego traslada ao Parlamento de Galiza as circunstancias polas que están a pasar as nenas e e nenos e as súas familias dos concellos de Guitiriz, Begonte e Rábade pola falta dunha persoa facultativa especialista no servizo de pediatría de atención primaria.

O Sergas deixou sen pediatra os concellos de Guitiriz, Begonte e Rábade ao non cubrir a baixa da persoa titular do servizo. Cómpre lembrar que o servizo de pediatría nestes tres concellos é compartido prestando consulta tres días á semana en Guitiriz e o resto en días alternos entre Begonte e Rábade o que xa evidencia a precariedade da atención e a sobrecarga do servizo, atendido por unha única persoa.

«A nós non serve as escusas do SERGAS de que non hai persoal substituto» declarou a deputada do BNG por Lugo no Parlamento, Olalla Rodil. » Non se poden poñer «parches» con unha persoa pasando consulta un día á semana pola tarde» Deste xeito, Rodil sinalou que as crianzas precisan dunha atención especializada «as nenas e nenos non son pequenos adultos, teñen as súas necesidades específicas por isto teñen a súa especialidade médica».

Dos 67 concellos que ten a provincia de Lugo temos 53 nos que as familias se ven obrigadas a desprazarse para recibir atención pediátrica.

Neste senso, a deputada anunciou «dende o BNG insistimos en que se cubran estas prazas canto antes e se dote do persoal sanitario preciso para garantir o dereito á saúde, sobre todo neste concellos do rural no que estas prazas están compartidas en varios concellos, como é este o caso de Guitiriz, Begonte e Rábade».

Comparte éste artículo
No hay comentarios