A Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS debate sobre o desafío do incremento da demanda na Saúde Mental

por Redacción Galicia

Este venres máis de 50 psicólogos e psicólogas clínicas participan nunha xornada promovida pola Asociación de Psicólogos Clínicos do SERGAS (APCS) na que abordarán o desafío do incremento da demanda de atención á saúde mental que están experimentando, especialmente tras a pandemia da COVID19. Esta xornada desenvolverase durante todo o día na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

«Xestión en Psicoloxía Clínica: equilibrando recursos e demanda» é o título no que se enmarcan as diferentes actividades coas que se procura crear espazos para a reflexión e o encontro entre estes especialistas sanitarios. A escolla do tema responde ao aumento da demanda nas consultas, á maior conciencia social sobre os problemas de saúde mental e ao maior investimento nos dispositivos, cun importante incremento do número de profesionais de Psicoloxía Clínica no SERGAS, de acordo co Plan Estratéxico de Saúde Mental. Un aumento de recursos, en todo caso, insuficiente para atender a demanda, especialmente nas Unidades de Saúde Mental, que se traduce nas listaxes de espera para a primeira consulta que superan os 14 meses, segundo a Área Sanitaria.

A xornada comezará coa mesa «Análise do aumento da demanda en Psicoloxía Clínica», na que participarán o psicólogo clínico Xacobe Abel Fernández García, do Hospital Universitario da Coruña; María Jesús Cerecedo Pérez, médica de familia no Centro de Saúde de Santa Cruz en Oleiros; e a fisioterapeuta Lidia Mariño Ventoso, investigadora e divulgadora no eido da antropoloxía das crenzas e da saúde.

Tomará o relevo o psicólogo clínico Santiago Lago Canzobre, da Unidade de Saúde Mental de Caranza, en Ferrol, cunha conferencia sobre a importancia da xestión na Psicoloxía Clínica, na que explorará modos de organización máis eficientes nos recursos. Xa durante a tarde, tres facultativos especialistas en psicoloxía clínica participarán no coloquio sobre experiencias e propostas de autoxestión neste ámbito: Delia Guitián Rodríguez, do Hospital de Día Infanto-Xuvenil da Área Sanitaria de Lugo; José Eduardo Rodríguez Otero, da Unidade de Prevención do Suicidio de Vigo; e Lidia Sánchez Edreira, que desde 2021 desenvolve o Programa de Enlace entre Saúde Mental e Atención Primaria na Área Sanitaria de Ferrol.

«Desde a APCS valoramos que este crecemento evidencia aínda máis o lastre que supón carecer de servizos propios», explica a presidenta do colectivo, Marta González Rodríguez. «Isto imposibilítanos xestionar de modo directo a demanda de Psicoloxía Clínica e os recursos de atención dispoñibles para unha atención máis eficiente. Ademais dificulta o crecemento como profesión, limitando a miúdo a nosa actuación o eido da Saúde Mental, cando a figura da Psicoloxía Clínica vén sendo moi demandada dende outros eidos como os de Coidados Paliativos, Oncoloxía, Medicina Intensiva ou Neuroloxía».

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario