A alcaldesa impartiu unha conferencia-coloquio na UDC, no marco do ciclo de conferencias sobre Economía e Internacionalización da Cátedra Luis Fernández Somoza
A alcaldesa, Inés Rey, impartiu esta mañá unha conferencia-coloquio na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña, no marco do ciclo de conferencias sobre Economía e Internacionalización da Cátedra Luis Fernández Somoza, sobre o proxecto de xestión social e económica da Coruña. Rey puxo en valor o traballo realizado dende o Concello para a proxección da Coruña. «O modelo de cidade que presentamos é o dunha Coruña que avanza e que está chamada a ser referencia internacional» sinalou.
A alcaldesa referiuse á cidade como unha das «maiores potencias tractoras» da economía galega e puxo de exemplo a AESIA e a Cidade das TIC como proxectos de longo percorrido para a consolidación do liderado económico da Coruña. Rey tamén lembrou a posta en marcha do Plan Estratéxico da Coruña 2030-2050, no que as infraestruturas e a dinamización económica terán un papel clave. Sobre a posta en marcha do Plan, a rexedora explicou que «permitirá deseñar a cidade que queremos e que A Coruña está chamada a ser, por tradición e tamén por ambición».
«As grandes transformacións precisan tempo e o meu obxectivo é que baixo o meu mandato A Coruña viva a súa segunda modernización» concluíu.