Un abril cheo de libros en Dumbría

por Redacción A Coruña

O Concello de Dumbría programa actividades nas cinco bibliotecas municipais

No mes de abril as 5 bibliotecas municipais de Dumbría acollen actividades para a poboación infantil. Para conmemorar o mes do Libro e o día mundial do libro e o dereito de autor, nas nosas bibliotecas estendemos a celebración ao logo do mes, programando diversas actividades de fomento da lectura e de promoción do uso das bibliotecas.

Continuando coa política de apertura destes centros á cidadanía e procurando que non sexan vistas coma meros contedores de libros, xa que deles saen historias, aventuras e saberes fantásticos, ofertamos un novo ciclo de actividades e actuacións: contacontos e títeres, maxia, obradoiros de ciencia, de manualidades,…

Actividades cofinanciadas a través do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas:

➢ Martes 16 abril, 18:00 h. Cantar e contar. Grandes éxitos 2004-2024. Caxoto, A Trastenda dos Contos (contos e música). Biblioteca de Berdeogas.

➢ Venres 19 abril, 18:00 h. Debuxar Letras. Alba Farto (obradoiro de lettering) ( +7 anos). Biblioteca de Buxantes.

➢ Martes 23 abril, 18:00 h. Robótica na biblioteca. Átomos. (obradoiro de robótica). Biblioteca de Dumbría – O Conco.

➢ Venres 26 abril, 18:00 h. De ciencias ou de letras? Experimentos na biblioteca. Antía Yáñez. (obradoiro científico). Biblioteca do Ézaro.

➢ Martes 30 abril, 18:00 h. Coas mans na masa. OQO Editora (obradoiro manualidades con masa + conto) . Biblioteca de Olveira.

O acceso a todas estas actividades é libre e gratuíto, ata completar aforo.

Despois da incorporación en 2022 de preto dun milleiro de exemplares de libros novos nas bibliotecas de Dumbría, e de que o pasado ano mellorásemos a colección, ao longo dos vindeiros meses estarán a disposición dos usuarios novas publicacións de álbums ilustrados, literatura infantil, xuvenil e tamén para persoas adultas.

As 5 bibliotecas municipais están integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, o que permite a lectores de toda Galicia acceder a elas e facer uso dos seus fondos, ao mesmo tempo que lle abre as portas de todas as bibliotecas da Rede a todos os nosos veciños/as.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario