Éxito na inauguración da exposición de Elena Pendás organizada por Manuel Álvarez Prieto en Bouco Lugo

O pasado venres inaugurouse, na residencia de maiores Bouco Lugo, a exposición “Romance entre o Pop e a Belle Époque en primavera” da pintora riosellana Elena Pendás e organizada polo escritor, xornalista e crítico de arte Manuel Álvarez Prieto.

Unhas 50 persoas estiveron presentes na apertura da mostra, que poderá visitarse ata o venres 4 de abril, todos os días, de 16h a 20h, no salón de actos da residencia. Xa varios grupos concretaron visitas para as vindeiras xornadas e o acceso é libre.

Elena Pendás é unha profesora da Escola de Arte Ramón Falcón, cunha longa traxectoria no Pop Art, que tivo o seu gran momento nos primeiros anos do século XXI. Manuel Álvarez Prieto é un escritor, crítico de arte, estudoso da historia e a socioloxía da arte, e xurado Internacional da Primeira Trienal Latina de 1992.

Reunidos no 2006, Elena e Manuel proxectaron e logo realizaron unha xira expositiva en toda a Cornisa Cantábrica, de Galicia a Euskadi, que foi seguida por todos os medios de maneira notable, coincidindo no valor do Pop Expresionista xunto ao modernismo da “jugendstil” que identificou toda a obra de Elena. E o máis excepcional foi a exposición no Gran Hotel María Cristina de San Sebastián, con toda a prensa e televisión enxalzando a mostra.

Era a novidade dunha muller que se atrevía a referenciarse cos grandes popes Roy Lichtenstein e Tom Wesselmann, marcando diferencias con eles ao amosar á muller do século XXI en plena independencia e en oposición á dos anos 50-60 que eles presentaban, máis obxectual e dócil. Atrevemento e provocación marcando territorio.

E é esa etapa creativa de Elena a que agora retorna a Lugo buscando un encontro con todas as regras clásicas do Pop de sempre, e o das cores vivas e intensas, planos, de liñas marcadas, de provocación, con humor e fácil comunicación. “O romance entre o Pop e a Belle Époque” é un racconto plástico entre divertido e vital.

Manuel considera que Elena debe retornar á creación activa, e é tamén a opinión de recoñecidos ex-alumnos seus. Pensan que a súa capacidade e experiencia pode dar outra xiro ao Pop Art do XXI. 

Comparte éste artículo
No hay comentarios