Galiza Cultura estrea na Coruña o proxecto expositivo para (re)descubrir a Xaquín Marín

por Redacción A Coruña

A entidade federativa seleccionou máis de 200 obras do cronista gráfico da Galiza popular dos últimos 60 anos acubillados na exposición ‘Xaquín Marín, humor líquido’

A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, entidade federativa que reúne na actualidade a máis dunha trintena de asociacións culturais do país, inaugurará, o sábado 20 de abrilas 19 horas, na Fundación Luís Seoane da Coruña (rúa San Francisco, 27) o proxecto expositivo ‘Xaquín Marín, humor líquido’ da súa programación de actividades ao redor da obra do pintor, humorista gráfico, creador de banda deseñada, cartelista, ilustrador e muralista que desenvolve baixo o título ‘Xaquín Marín alén das viñetas’.

Este proxecto de selección, no que vén traballando a entidade desde 2022, consta de máis 200 obras e é, polo tanto, unha oportunidade única, e nunca vista no seu caso, para ter unha imaxe o máis completa posible do universo de ideas e dos procesos creativos dun artista tan polifacético e singular como é Xaquín Marín.

Deste xeito, e grazas un traballo minucioso de selección realizado durante este tempo, cun florilexio único e moi escollido, poderemos (re)descubrir os inicios de Xaquín Marín como pintor social e a posterior evolución na procura dunha arte xenuinamente galega, quizais a parte máis descoñecida polo público de toda a súa carreira.

Asemade, esta selección dá a posibilidade de repasar o seu vasto traballo no campo do humor gráfico e da banda deseñada e a súa incansable defensa de Galiza e da lingua galega e o seu fondo compromiso cos intereses das galegas e os galegos asistindo ao nacemento de personaxes ou series xa icónicas como Gaspariño, o Pé, Isolino, o cacique Don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou o Xinete, pois a mostra tenta seguir os pasos do seu inabarcable labor, tamén, como ilustrador, cartelista, portadista, muralista, conferenciante, escritor ou divulgador.

Nesta mostra teremos o privilexio de ver algúns proxectos do autor que por uns motivos ou outros acabaron nun caixón e permaneceron até o día de hoxe inacabados e/ou inéditos, amosándose por primeira vez ao público, pequenas primicias que completan ao conxunto da obra xa publicada e coñecida.

Con todo, o proxecto expositivo quere ser un percorrido retrospectivo pola obra do artista máis, tamén, un percorrido pola nosa propia memoria colectiva como galegas e galegos que vivimos neste «Impaís», como el mesmo remarcaba, xa que logo Xaquín Marín é o cronista gráfico da Galiza popular dos últimos 60 anos.

Esta inauguración será o disparo de saída a unha itinerancia pois logo esta exposición se ten previsto achegar a máis cidades galegas, xa que o obxectivo da escolma realizada é dar a coñecer, ao máximo posíbel da sociedade galega, a vasta obra do autor, ao cal, precisamente, a Federación Galiza Cultura organizaba en outubro pasado un grande acto nacional de homenaxe en Ferrol, no que participaron as súas compañeiras e os seus compañeiros de profesión, como recoñecemento a esta longa traxectoria profesional e vital.

A actividade está financiada grazas ás axudas do programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2024 da Área Cultura da Deputación da Coruña, e conta coa colaboración do Concello da Coruña.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario