Así o estipula a Lei de Contratos do Sector Público e a súa indefinición podería dar lugar a impugnacións
O goberno municipal ven de presentar aos grupos da oposición a documentación para a contratación do novo servizo de limpeza de edificios, dependencias municipais e colexios públicos. O BNG analizou a información do expediente e ve necesario incluir ou aclarar algúns puntos que, nalgún caso, poderían dar lugar a impugnacións por parte das empresas licitadoras e dilatar aínda máis no tempo o inicio do novo contrato. Trátase por exemplo da definición clara de condicións especiais de execución do contrato de carácter social, ético ou medioambiental esixidas pola Lei de Contratos do Sector Público.
Para subsanar a cuestión anterior, o BNG propón a reserva dalgún dos lotes ofertados a Centros Especiais de Emprego, co obxectivo de fomentar a inserción laboral de persoas con dificultades para a contratación. Esta fórmula é usada con frecuencia e válida para a súa consideración como condición especial de execución.
Por outro lado, e tendo en conta a experiencia recente, o BNG considera fundamental incluir nos novos pregos a posibilidade de impoñer infracións á empresa contratista por impago de salarios ás persoas empregadas suscritas ao servizo. Na mesma liña e tratando de fomentar o traballo de calidade, debería valorarse positivamente ás empresas que presenten un plan para que as persoas traballadoras que así o queiran teñan a posibilidade de acceder a contratos a xornada completa, xa que na actualidade abundan as xornadas parciais, de incluso só oito horas á semana.
A licitación dos servizos que o Concello de Culleredo mantén en precario supón a ocasión para levar a cabo unha contratación pública estratéxica que serva para a mellora da calidade no emprego e a inclusión social. Estas cuestións son esixencias que se concretan na Estratexia Nacional de Contratación Pública, polo que non debería haber problema para estimalas e mesmo deberían dar lugar a un maior consenso arredor destes pregos.