Solicitar a declaración de zona tensionada de vivenda, para conseguir abaratar o prezo dos alugueres, será a primeira proposta que o BNG defenda para A Coruña na nova lexislatura. Así o avanzou este venres a portavoz nacional, Ana Pontón, durante un almorzo informativo que compartiu na cidade herculina coas deputadas e os deputados electos pola provincia nas eleccións galegas do pasado 18 de febreiro.
Pontón destacou que a iniciativa do BNG ten por obxectivo dar solución a un dos principais problemas que sofre hoxe en día a cidade da Coruña, onde o acceso a unha vivenda tense convertido en «misión imposible» para miles de persoas, tanto xente moza coma familias con menos ingresos. «Isto é así por unha dobre combinación letal: a carestía e a falta de vivenda pública», denunciou.
A declaración de zona tensionada de vivenda, que se xa ten solicitado o Concello por iniciativa do Bloque, permitirá abaratar os prezos do aluguer e facilitar o dereito a unha vivenda digna á veciñanza da cidade, subliñou Pontón, que lembrou que A Coruña é a urbe galega que ten os alugueiros máis altos, cun prezo medio que ronda os 700 euros ao mes.
«Esta situación esta expulsando á xente e provocando un estancamento demográfico na cidade», advertiu a líder nacionalista, que, neste sentido, subliñou que nos últimos 23 anos a poboación da Coruña só medrou en 3.600 habitantes, un 1,5%, mentres concellos da súa contorna, como Oleiros, Arteixo, Culleredo ou Cambre viron como o seu censo se incrementaba en 38.000 persoas, o que supón un incremento do 44 %.
De aí a importancia, argumentou, de reclamar tan pronto se inicie o novo período de sesións do Parlamento galego a declaración da Coruña como mercado tensionado, unha proposta que ten rexeitado até o de agora o Executivo do PP, ao que a portavoz nacional recriminou o «abandono total» da construción de vivenda pública, que nos últimos quince anos «caeu a cifras completamente irrelevantes». En todo ese tempo, denunciou, a Xunta só construíu 40 vivendas de promoción pública.
Pontón avanzou outras propostas para a Coruña do grupo parlamentario, que encara a nova lexislatura «reforzado» grazas ao «apoio histórico» dos coruñeses e as coruñesas, que deron ao BNG máis o 33 % dos votos, unha porcentaxe superada tamén na comarca. Grazas ao apoio recibido, o grupo parlamentar traballará con máis medios, pero tamén «con máis ganas e empeño que nunca», para aportar solucións aos principais retos pendentes tanto na Coruña como na súa área metropolitana.
Melloras na sanidade e na mobilidade
Cuestións, dixo Pontón, como a mellora da sanidade pública ampliando os centros de orientación familiar para reverter os recortes do PP, que fixeron que hoxe as mulleres de toda a área sanitaria da Coruña só dispoñan dun centro e un especialista, cando no pasado había dous centros e tres profesionais xinecólogos.
O Bloque tamén defenderá no Parlamento a área metropolitana, que require a aprobación da Cámara despois de que o Concello acordase iniciar o proceso para a súa creación. Trátase, segundo adiantou a portavoz nacional, dunha iniciativa importante porque permitirá mellorar os servizos a nivel comarcal, tendo en conta que miles de persoas residen nos concellos limítrofes pero traballan na Coruña ou acoden a diario á cidade e o mesmo ocorre á inversa.
Na mesma dirección, a líder do BNG considerou imprescindible mellorar a mobilidade entre a cidade e os concellos da comarca, polo que o Bloque tamén reclamará no Parlamento que a Xunta promova a creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes con participación dos concellos.
Pontón aproveitou o acto da Coruña para agradecer o respaldo «histórico» ao BNG non só na cidade e na súa área metropolitana, senón en toda a provincia, especialmente en concellos como Fene, onde foi primeira forza política co 43 % do voto, ou en Santiago e Carballo, co 37 %. En Arteixo, Cambre, Culleredo ou na propia Coruña, subliñou, o Bloque acadou o 33% dos apoios.
«Imos estar a altura desa inmensa confianza», garantiu Pontón, que anunciou que o BNG seguirá traballando para intentar transformar o País facendo unha oposición útil e construtiva e demostrando que «hai outra forma de facer política lonxe da crispación e os insultos».
Auditoría sobre os contratos da pandemia
En resposta aos medios, Pontón referiuse ao caso Koldo asegurando que o BNG considera que hai que ser «implacable» contra a corrupción. Destacou, ademais, a falta de transparencia das administracións sobre os contratos de urxencia realizados durante a pandemia, incluída a Xunta.
Avanzou, neste sentido, que o BNG volverá pedir no Parlamento unha auditoría dos contratos de urxencia feitos pola goberno do PP entre marzo e decembro de 2020. «Se o PP non ten nada que agochar non deber ter inconveniente nesa auditoría», alega.