O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta tarde en Dumbría xunto co alcalde da localidade, Raúl González Lado, e o deputado de Deportes, Antonio Leira, á última xornada do torneo de clasificación para o campionato de Europa sub18 de voileibol.
Cun pavillón polideportivo do Conco ateigado de afeccionados durante toda a fin de semana, a xornada rematou cun espectacular partido entre España e Ucraína, que rematou con vitoria española. España e Ucraína son precisamente os dous equipos que saen clasificados deste torneo para o europeo.
Ao remate do partido, o presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Dumbría felicitaron aos deportistas e ao corpo técnico da selección española pola vitoria de hoxe e polo gran traballo realizado neste preeuropeo e desexáronlles éxitos para a Campionato de Europa, que se celebrará en Bulgaria do 10 ao 27 de xullo.