A Deputación rematará a principios de xuño as obras de construción das novas beirarrúas de San Xoán de Vilanova, en Miño

por Redacción A Coruña

Valentín González Formoso e Manuel Vázquez Faraldo visitaron as obras, que supoñen un investimento de 758.132 euros

A Deputación da Coruña prevé que as obras de mellora da seguridade peonil na estrada provincial DP- 4802 ao seu paso polo núcleo de San Xoán de Vilanova, no termo municipal de Miño, estean completadas a principios do vindeiro mes de xuño.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez e o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo supervisaron hoxe a evolución dos traballos, xa avanzados, dunha obra que abarca un tramo de un quilómetro e supón un investimento de 758.132 euros.

Segundo explicou Valentín Formoso, as obras supoñen a demolición das antigas beirarruas de baldosa hidraúlica, deterioradas polo paso do tempo e con importantes eivas en canto a seguridade e accesibilidade e a execución de «novas beirarrúas sen bordillo, a nivel da calzada e separada desta mediante un caz de formigón, na liña de sendas que executa a Deputación nas estradas provinciais e coas que se logra unha mellor accesibilidade e integración no medio».

380 quilómetros de sendas peonís na provincia

Formoso destacou que a rede provincial de estradas conta con máis de 380  quilómetros de beirarrúas e sendas penís e destacou que o proxecto «suporá unha importante mellora para a seguridade dos peóns nunha estrada que rexistra un intenso volume de tráfico».

Pola súa banda, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, destacou que se trata de «dunha obra moi necesaria que mellorará de xeito importante a mobilidade da veciñanza». «Agradézolle á Deputación que atendese a nosa demanda»; remarcou o rexedor.  

A senda estase executando en formigón coloreado e conta cunha anchura de entre 1,50 e 2 metros, segundo o tramo.

As obras contemplan ademáis a renovación da capa de rodaxe da estrada entre os puntos quilométricos 1+971 e 2+978, que se acometerá ao final dos traballos, e a instalación dunha nova rede de recollida de pluviais para evitar as acumulacións de auga na calzada.

Reunión coa Asociación de Veciños

Durante a xornada, Formoso e Váquez Faraldo visitaron tamén a sede da Asociación de veciños de Xarío, onde se reuniron coa directiva para escoitar as súas demandas e necesidades. Posteriormente,visitaron as melloras realizadas en distintos camiños rurais de Callobre, Bemantes e Carantoña, con cargo ao Plan Único da Deputación.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario