Avanzan as obras de reurbanización de San Andrés coa apertura dun treito ao tránsito peonil

por Redacción A Coruña

Ademais, este venres está previsto iniciar os traballos de substitución das tarimas de madeira da praza da fonte de Santa Catalina, onde se irán retirando os listóns para dispor, progresivamente, novas pezas de granito

O Concello da Coruña avanza nas obras de reurbanización de San Andrés e a súa contorna. Este xoves abriuse totalmente ao tránsito peonil o treito comprendido entre as rúas Sol e Torreiro, onde xa é visible o novo pavimento da calzada, en formigón desactivado, idéntico ao que se disporá nos futuros carrís de circulación rodada en San Andrés.

O concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana, José Manuel Lage, explicou que a reapertura de San Andrés entre Sol e Torreiro “é, por agora, exclusivamente para o tránsito peonil”, dado que as obras continúan e, en definitiva, aínda non é posible habilitar a circulación rodada neste enclave. Ademais, na propia rúa Sol, perpendicular a San Andrés, proseguen os traballos de demolición do firme, previos á renovación do pavimento da calzada.

Cómpre lembrar que os traballos de mellora na rúa Sol van aparellados aos que tamén se están levando a cabo entre a rúa Pórtico e Torreiro —puntos onde é habitual o tráfico rodado correspondente ao transporte público e vehículos de carga e descarga—, sendo, en si mesmas, dúas actuacións complementarias á reurbanización de San Andrés, á que o Goberno de Inés Rey destinou 3,2 millóns de euros.

A substitución do firme de madeira da praza da fonte de Santa Catalina

En paralelo, o Concello ten previsto iniciar mañá os traballos de substitución das tarimas de madeira existentes na praza da fonte de Santa Catalina.

Actualmente, na praza hai dúas zonas con pavimento de listóns de madeira, deterioradas pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas. A progresiva erosión dos listóns derivou, co paso do tempo, nun risco para a seguridade das peoas e dos peóns, polo índice de escorregamento da superficie en días de choiva ou humidade.

Por este motivo, e atendendo ás solicitudes da cidadanía, o Goberno de Inés Rey decidiu retirar o firme de madeira, que será substituído por novas pezas de granito, o mesmo material das lousas xa dispostas actualmente na contorna da tarima de madeira. Terán, iso si, unhas dimensións diferentes, máis estreitas e alongadas, semellantes na súa forma aos antigos listóns de madeira, tal e como se acordou na última comisión do PEPRI.

Como paso previo á súa disposición, o Concello irá retirando progresivamente os listóns de madeira e tamén se revisarán os pozos de rexistro da praza, polo que a área de intervención será acoutada durante os traballos, para reforzar a seguridade das persoas viandantes. O valado perimetral instalarase a partir deste venres.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario