Os apoios de Altri. Por Xosé Edrosa Leal

por Xosé Edrosa Leal

 Xosé Edrosa Leal

Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, acaba de sumar o seu apoio ao proxecto que Altri pretende instalar en Palas de Rei ( A Ulloa-Lugo) “ La instalación de Altri sumaría unha inversión importante en Galicia, con la creación de empleos directos e indirectos, además de contribuír a la atracción y fijación de población”, dixo. Estas son as grandes palabras reclamo, sen matices nin outra escala de valoración, coas que todos podemos estar de acordo, pois se só temos en conta os factores cuantitativos que nos anuncian, pechamos o libro e para adiante, estratexia na que está instalado o Goberno galego e o Partido Popular que o sustenta e agora tamén a Patronal. Logo todos os demais en contra de tales “bondades”. Que erro!

 Unha vez posicionado o presidente da Patronal galega, faino tamén Antonio Garamendi, presidente da CEOE, aínda que na súa declaración ante os medios de comunicación asegurou que non coñecía o proxecto, mais posicionouse a favor del, ao tempo que acusaba de demagogos aos que discrepan e se opoñen ao mesmo. Home, señor presidente, un pouquiño de seriedade e respecto, se vostede non coñece o proxecto, con que autoridade pode acusar a quen discrepa del? Ou vostede actúa por sistema dependendo de quen se trate ou do que se trate? Unha falla de respecto á cidadanía, que reflicte o seu talante e altura para dirixir unha institución tan importante para o país como é a CEOE.

 Sorpréndeme o señor Vieites, unha persoa ponderada e analítica, se deixe lever só polos grandes datos á marxe da análise da que é merecente unha actividade desta magnitude, que vai crear enormes impactos medioambientais, no consumo de recursos naturais como é a auga e a súa contaminación na poboación que vive e desenvolve a súa actividade nos ámbitos de afectación, con interación negativa na actividade preexistente, base da economía produtiva consolidada ao longo do tempo e adaptada ao medio, representada por un importante sector primario, con numerosas empresas vencelladas ao mesmo e que cumpren os obxectivos de desenrolo sostible (ODS), desenrolo que mantén o equilibrio entre as súas actividades e os valores que conforman a identidade cultural, social e patrimonial, co Camiño de Santiago como principal expoñente da súa imaxe e contacto co mundo, declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (xullo de 2015),  feitos que deben ser  valorados e protexidos. Todos estes factores deberían ser contrastados e analizados pola Patronal galega e non fuxir cara  adiante sen outra escala de valoración, facendo xuízos apriorísticos que só crean  confusión e confrontación. Unha realidade que deberían ter en conta as institucións empresariais, pois esta tamén é riqueza e tecido industrial, creadora da maioría dos postos de traballo.

 Como podemos ver, as razóns da patronal na defensa de Altri son inmotivadas e dunha pobreza absoluta.

 Sobre o tema Altri tamén falou estes últimos días o presidente da Xunta de Galicia , na súa valoración, o señor Rueda deu un importante salto cualitativo sobre o asunto Altri, pois xa sabemos que está disposto a asumir un nivel de risco sempre que exista un beneficio que o xustifique; o que non dixo o señor presidente é quen serían os destinatarios deste beneficio. Isto, señor Rueda, é poñer en almoeda o prezo da contaminación da auga, o aire, os solos e todo o noso ecosistema, ao que hai que engadir a saúde da cidadanía, bens superiores de interese xeral que os poderes públicos están obrigados por lei a defender e protexer. Ata onde é quen de chegar, e cales son os seus límites de incumprimento das súas obrigas como presidente de todas as galegas e galegos? Cando vostede nos pediu o voto por carta, tamén aos da Ulloa e das ribeiras do Ulla, dicía expresamente que era de fíar. Que poden  dicir hoxe daquel candidato as xentes que protestan cívicamente,  que son un clamor popular e que vostede non escoita!  esas xentes, señor presidente, non son os beneficiarios dos que vostede fala, senón o pobo vivo que representa o interese xeral que vostede non defende nin protexe. Vostede fíase coma sempre do efecto anestésico que pretende suministrarlles para que o impacto da operación sexa máis leve, mais coido que desta volta o seu remedio non lles vai facer efecto, pois colleron ao pé da letra aquilo do noso himno “ esperta do teu sono Fogar de Breogán”, e medran coma cogomelos no outono.

 Esta pasada semana, o presidente da Xunta asistiu en San Martiño Pinario (Santiago) ao II Encontro de Empresarios, impulsado polo arzoibspo de Santiago Francisco Prieto para reflexionar sobre ética e a sostenibilidade, encontro ao que asistiron o presidente da Patronal galega e da CEOE señor Vieites e Antonio Garamendi, respectivamente. Este encontro contou coa asistencia de varios prelados, entre eles, o propio promotor do evento Francisco Prieto, quen na súa intervención en liña coa postura que mantén o Papa Francisco nos seus documentos pontificios, sobre todo na encíclica “ Laudato Si “, manifestou “ La gran empresa es un factor de cohesión social, generadora de empleo, que está siendo motor de la sociedad “, subliñando tamén que “… la ética, la sostenibilidad y el bien común son los pilares en los que todos podemos sumar y aportar “.  Na súa interlocución  nun tono moi acaído ao espítitu dos convocantes, o señor Rueda, defendeu “o compromiso, a responsabilidade e a ética “ na procura do “ben común”; e logo segue dicindo Este goberno négase a que toda proposta que veña do lado empresarial se poña baixo a observación”, facendo igualmente fincapé que o sector empresarial galego, móvese dende “ o compromiso, a ética, reponsabilidade e sustentabilidade” na procura do interese xeral da cidadanía.

 Como vemos, a ética é o eixo central da  intervención do presidente da Xunta, co que en termos xerais podemos estar de acordo, agás na súa negativa á “ observancia “, pois é aí precisamente onde o goberno debe fixar os seus límites; de non ser así, podería suceder o contrario, fíxense no proxecto que a Xunta propón instalar en Palas de Rei, pois os principios expostos polo presidente quedan desdibuxados neste feito, primando o interese privado ou de grupo sobre o interese xeral e o ben común, habida conta do  previsible dano que pode causar ao interese xeral e ao ben público afectados, enormemente superior a todo beneficio que se pretenda xustificar, xa que os seus efectos poden  ser irreversibles para a poboación e o seu ecosistema.

 Descoñezo cales son as motivavións e preocupacións destes foros de empresarios promovidos polo arzobispo de Santiago de Compostela, mais, seguramente, a súa pretensión sexa achegar o modelo produtivo imperante aos postulados que proclama a doutrina social da Igrexa en materia de economía. Mais tendo en conta que o concepto ético e o ben común foron as ideas forza deste encontro, feito que cómpre ser valorado e entendido como guieiro das condutas empresariais á hora de tomar decisións de transcendencia socioeconómica, traducíndose nun incentivo da necesaria humanización do modelo produtivo, minorando a preocupante fenda das desigualdades sociaciais e territoriais, a riqueza cada vez máis concentrada en menos mans, mentres a pobreza exténdese coma un océano, os meirandes expoñentes da quebra dos principios nos que debe asentarse todo desenrolo sostible.

 Outra cuestión que hoxe preocupa á Igrexa e ao mundo, é a crise ecolóxica na que estamos inmersos, con evidentes sinais no cambio climático que se está a producir, unha cuestión que non debemos separar dos valores éticos e morais do conxunto da sociedade e, por suposto, dos operadores económicos, feito polo que o Papa Francisco na súa carta Encíclica ´LAUDATO SI´ fai un chamado urxente ao que él califica “protexer a nosa casa común”, o noso agredido planeta. Un documento que xa forma parte do Maxisterio Social da Igrexa, e que non é outro que a incorporación selectiva e rigurosa do coñecemento científico asentado nun consenso básico, elevado a unha dimensión ética, moral e teolóxica, enraízada coa natureza, patrimonio que forma a casa común froito da creación; instituíndo o pecado como factor de coerción ético e moral.

 Estes retos orientatativos que a Igrexa incorpora ao seu Maxisterio, están moi lonxe, obviamente, das condutas e dos feitos dos que a cotío somos testemuña, o que está a suceder con ALTRI na Ulloa é un vivo exemplo de agresión á casa común na procura do beneficio duns poucos e en claro perxuízo do ben común; un feito e unha verdade que nos ilustra o Papa Francisco nas seguintes palabras “ Neste sistema que tende a fagotizalo todo en orde a acrecentar beneficios, calquera cousa que sexa fráxil, como o medio ambiente, queda indefenso ante os intereses do mercado divinizado, convertidos en regra absoluta”.

 Descoñezo se neste foro de empresarios no monasterio de San Martiño Pinario en Santiago, a carón do Apóstolo, se tén falado destas cousas e con tanta claridade como o fai o P. Francisco, inspirado e iluminado polo outro Francisco, o Santo de Asís. Seguramente, ao señor Rueda, alí presente, lle sería de grande axuda e utilidade para a recuperación das súas febles defensas inmunolóxicas que lle están obturando a súa escala de valores á hora de aplicar os principios éticos e morais que informan o ben común, quedando sempre trabucado no “beneficio” ao que se refire Bergoglio, clínica que se manifesta nos seus discursos sobre a materia, dando por feito que todos os empresarios son éticos e que non precisan da observancia da lei, un feito que debe preocuparnos as galegas e galegos que queremos defender e protexer a casa común.

 Tampouo sei se neste foro se lembraron e estiveron presentes as veciñas e veciños da Ulloa e das ribeiras bañadas polo Ulla ata chegar á súa desembocadura na Illa de Arousa, coas súas mariscadoras gañando o pan de cada día, preocupadas polo veleno de Altri; esa cadea humana que se ergueu na defensa da casa común, esas xentes que o seu presidente non escoita nin atende, senón todo o contrario, banaliza e criminaliza.

 Señores prelados, escoiten tamén a voz dos que defenden o que é de todos/as, a casa común e da vida, agasallo da natureza que di o Papa Francisco; poñan as sandalias do pescador e acompañen a estes peregrinos e peregrinas no seu camiño pétreo; seguro que esta imaxe vai ser moi sinxela, pero máis acaída á do fillo do carpinteiro que vostedes tan ben coñecen, aman e nos ensinan, cá aqueles que se xuntan nos templos de moqueta e boato para falar dos seus intereses e lavar as súas conciencias. Un grande esforzo para non mudar un só marco.

 A ética debe transcender da simple apelación retórica e ser un guieiro da nosa conduta, tamén no xeito de entender e xestionar a conxunción economía-ecoloxía-medio-ambiente como eixo no que deben xirar as nosas decisións, freando ou atenuando o cambio climático xa presente nas nosas vidas e que nos avisa dun futuro incerto. A globalización do mercado debería ir acompañada da globalización ética, un obxectivo que segue descansando no ámbito teórico dos bos desexos, e aí as consecuencias.

 Hans Küng, eminente teológo e filósofo suízo, adicou unha gran parte da súa vida no empeño de asentar as bases dunha ética mundial para a economía, o seu exemplo e a súa obra son a meirande achega que nos puido deixar á humanidade. Defendeu o primado a ética sobre a economía “ A política e a ética non son para min mundos inconciliables. Pero interésame deixar claro a cal destas esferas corresponde a primacía, o primado. Para min é importante o primado da política sobre a economía: a política debe fixar e impoñer as leis, e a economía debe aterse a elas. Pero aínda máis importante é para min facer valer o primado da ética sobre a economía e a política. Por moi fundamentais que sexan a economía e a política, non se trata máis que de dimensións do omnímodo mundo da vida do ser humano. E en aras tanto da humanidade do home como do ben común deben estar sometidas a criterios éticos”.

                                                        OPINIÓN CIENTÍFICA  

 Recentemente tamén foi noticia a través de “https:praza.gal/pinión/o-impacto-da-industria-da-celulosa-na-saúde-unha-reflexión-científica” a opinión autorizada da doutora Sonia Villapol, neurocientífica galega, residente nos EE UU, sobre os   impactos na saúde da actividade industrial das celulosas. Sonia Villapol é unha muller chairega (britoniense), sempre comprometida co seu país e as súas xentes, a que sempre adoita falar na lingua da nosa matria, así de lonxe, así de preto. Sonia fálanos con rigor dos riscos que suporía para a saúde a actividade proxectada por Altri na Ulloa. No meu anterior artigo “Hoxe Galiza enteira debe mirar cara a Ulloa” taménamosaba esta preocupación, remitindo as lectoras/es á información que sobre o particular nos proporciona a Organización Mundial da Saúde (OMS), feito que traslado ao rigor da nosa científica. Moitas grazas benquerida veciña por estar sempre aí.

Todas estas novas sucederon nunha semana, e excluíndo á referida a Sonia Villapol, os da pasteira quixeron celebralo polo grande, convidando aos máis achegados do lugar a unha excursión ás terras do fado, e aló foron os alcaldes de Palas Rei, Monterroso e un concelleiro socialista que se lle coou á alcaldesa de Antas de Ulla. Alí a carón do Tejo, ledos e co sorriso nos beizos, xunto cos de Altri foron inmortalizados nunha foto para a posterioridade, mesmo como tén feito D. Manuel Fraga  co seu calzón de baño en Palomares. Os nosos héroes da Ulloa non chegaron a tanto, nin se bañaron nin tomaron as augas do Tejo para amosarlles aos seus veciños/as que aquelas augas estaban limpas e sen contaminación.

 Mais todo semella que esta excursión vai ter os seus correspondentes efectos colaterais, ao alcalde de Monterroso xa lle están a pedir contas por parte do Grupo Socialista deste concello, pois queren que o señor Alcalde, en sesión plenaria,   informe á Corporación e aos veciños e veciñas do obxecto e resultado desa viaxe, quen foron os seus patrocinadores, clase de industrias visitadas, emprazamento, certezas e incertidumes no tocante ao funcionamento dos asentamentos industriais visitados, así como a súa opinión sobre a idea de que Altri pretenda instalarse na cunca alta dun río coma o Ulla, tan tanscendental para Galicia, coñecida como  é a opinión do  Partido Popular e do goberno da Xunta. Para moita xente das zonas afectadas, esta viaxe foi unha afronta, e xa se escoitan comentarios polas tabernas da vila de Monterroso que o seu alcalde non chega á vindeira Feira de Santos. Iremos vendo.

 Toda esta historia, por moi interesante que semelle a nivel mediático,  agocha a realidade das moitas feblezas que afectan ao noso país, Galiza, algunhas delas amosadas no meu anterior artigo, feito que nos debería levar a unha reflexión colectiva para abordar os nosos retos de futuro e do país que realmente queremos construír. Ténse dito en ámbitos académicos que o modelo produtivo é a síntese dun proxecto de país, que pode ser explicado en termos de consenso implícito. Respostando, pois, a este principio, resulta evidente que Galiza non conta con ese modelo, estando, ademais, moi alonxados dese consenso ou sinerxia que nos vencelle e impulse cara a un obxectivo común. O noso crecemento endóxeno foise desenvolvendo a base de esforzo privado e tamén público, pero sen unha base sólida, incentivadora e sostible que dera seguridade e estabilidade aos nosos sectores produtivos, evitando de tal xeito que proxectos especulativos como ALTRI se introduzan como corpo estraño e anormal no noso sistema produtivo, distorsionando e poñendo en perigo o seu funcionamento normal; unha realidade que de non ser evitado o asentamento deste monstruo vomitante de contaminación, os seus efectos, ademais da poboación, van ser devastadores para o actual sistema produtivo, estánnolo advertindo tanto o coñecemento empírico como a evidencia científica, motivo polo que a especial protección concurrente tanto de facto como de iure e que afecta ao interese  xeral, debe ser unha esixencia dos poderes públicos, feito que non concorre neste caso.

 A improvisación e a falla de previsión do goberno galego para este tempo de oportunidades, é o dato máis salientable da falla de modelo produtivo ao que antes facíamos referencia, feito que trae consigo o afloramento de proxectos rexeitados noutros lugares, que hipotecan e condicionan o futuro alí onde se imprantan, un fraude ás expectativas de futuro que só crean frustración e decepción na cidadanía, violentando incluso a súa convivencia.

                                         Gama-Altri é un proxecto estratéxico?

Partindo dunha análise obxectiva sobre a natureza e requisitos que debe cumprir un proxecto para ser declarado estratéxico (PERTE), atendendo, pois, á súa natureza no tocante á actividade proxectada por Altri en Palas de Rei, resulta altamente dubidoso que reúna tales requisitos, elo a teor dos sectores elixidos para todo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia para o que se establece un conxunto de liñas, como por exemplo a transformación dixital, presente en todos os proxectos, entre os que figura o control e automatización da auga, o de sectores punteiros do automóbil, o euronaval, a microelectrónica e os semicondutores. Todo isto, xunto coa actividade agrogandeira, son consideradas actividades clave, ao que se une unha decidida aposta pola transformación enerxética. Como podemos ver, entre estas actividades non figura a celulosa.

 Dentro da clasificación das ramas de actividade seleccionadas por  España, agrúpanse cinco liñas de actuación. Na segunda liña de actuación é na que Altri pretende ensamblar o seu proxecto como estratéxico, declarado como tal, sen outra escala de valoración, polo goberno galego. Dentro deste PERTE figura a economía circular e a descarbonización, obxectivos que non se acreditan no proxecto Gama-Altri, pois no que atinxe á economía circular, o binomio proposto parte de 400.000 toneladas de pasta de celulosa e 200.000 de lyocell anuais. O primeiro dos casos non está dentro das actividades clasificadas dentro dos PERTES; no segundo caso, o menos importante cuantitativamente, actividade que como todo indica está sendo presentada como anzó dos fondos europeos Next Generatión, logo, o que vai ser na realidade, xa é fariña doutro costal.

 No tocante a economía circular, en ningún dos casos, o proxecto contempla e determina o peche do ciclo produtivo, motivo polo que, nin tan sequera neste caso parcial, pode ser considerada como economía circular.

 Sobre a pretendida descarbonización, como aclaración previa, cómpre partir do suposto que no ámbito onde se pretende imprantar esta actividade non está afectada polos niveis de carbonización merecentes de tal calificación, feito polo que non cómpre falar de descarbonización, pois non se descarboniza o que non está carbonizado.

 Por outra banda, o nivel de emisións por aire contaminado  pola proxectada actividade á atmósfera é dabondo elecuente para poder falar de descarbonización, sen incorrer nunha falacia (léase a información da doutora Sonia Villapol, elo sen descartar outras opinións autorizadas que dende a súa independencia están contribuiíndo cunha información veraz e obxectiva).

 Mais todos estes supostos negativos e previsibles, deben ser contemplados dentro dunha conxunción de impactos e incidencias sobre as augas, o territorio, a actividade económica preexistente e a poboación. Sobre o impacto das augas, remítome ao meu artigo anterior (“Hoxe Galiza enteira debe mirar cara A Ulloa”); no tocante aos solos receptores dos efectos de contaminación por aire, auga, unidos aos producidos polo ciclo produtivo da actividade proxectada, usos do solo coa eucaliptización de grandes espazos, o que cinguido a outras causas xa expostas, producirían efectos lesivos e de morte en todo o seu ecosistema. Un factor que o conxunto da cidadanía responsable deberá ponderar en termos de prioridade, pois os noso ecosistema tén moito que ver coa nosa saúde e calidade de vida, coidémolo.

 No tocante á saúde, o profesor e investigador científico Fernando Valladares, deíxanos a seguinte reflexión “ … ya que solo un ecosistema sano, con el número adecuado de especies, puede mitigar la expansión de las zoonosis que han provocado en los últimos 20 años más del 60% de las enfermedades infecciosas, entre otras la pandemia de la COVID-19”.

 Por isto e por moitas outras razóns, o debate aberto entre os poderes fácticos  e tamén o propio goberno galego, con un numeroso sector da cidadanía, concienciado e comprometido cos valores que se pretenden agredir e pisotear, amparados nos seus lexítimos dereitos constitucionais, interpretados á luz da Declaración Universal dos Dereitos Humanos,  dos tratados e acordos internacionais ratificados por España e demais leis, decidiron erguer a súa voz ante os poderosos, a risco dos seus custos persoais e incluso sociais, na defensa dos dereitos que nos afectan a todos e a todas. Por elo, ante este feito noble, bo e xeneroso, non cómpre adoptar unha actitude reduccionista de estar a favor ou en contra desta ou outra actividade. Non é iso, senón unha cuestión moral e ética que está por enriba  de calquera interese individual ou de grupo, pois o ben común é superior a outras razóns que se podan contrapor  a él.

 Outrosi digo: Que ninguén pensé que as miñas referencias a Alfonso Rueda agochan algún sentimento de carraxe cara á súa persoa, pois non, soamente o desexo de que faga mellor as cousas  que nos afectan a todos e a todas, tamén ás xeneracións futuras, como é o caso de Altri. Cando falo ou vexo ao presidente Rueda, lémbrome do seu pai, unha lembranza de xa lonxanas calendas; aló no percorrer dos anos oitenta tiven a ousadía de compartir unha mesa de debate organizada por unha radio da capital do Deza con don José Antonio Rueda Crespo, pai do agora presidente (PP), Francisco Sineiro (PSOE), un terceiro que non lembro, e este servidor (en nome dun grupo de empresas que me pediron que participara naquel evento). O obxectivo do debate era analizar as repercusións que ía ter para o sector agrogandeiro a nosa recente incorporación á CEE (hoxe UE).

 O papel máis complicado naquel evento era para Francisco Sineiro, pois daquela negociación, o sector lácteo non saíu moi ben parado, pero o representante dos da rosa vermella, que xa marcaba maneiras, defendeuse con soltura, e pouco despois vímolo como Conselleiro de Agricultura; o señor Rueda Crespo, que xa era un vello vitorino nas lides políticas, repartiu cornadas a destro e sinistro; e deste servidor, que queren que lles diga, era moi novo, con máis academia que experiencia no foro, saíu vivo, que xa é moito dicir.

 Mais teño que dicir, que aquel debate foi máis mesurado e edificante cós que agora vemos de control ao goberno de España, que semellan máis a galos de pelexa que a civilizados políticos que lles pagamos para que nos representen e gobernen.

 Sería bó repetir aquela experiencia na Ulloa para falar das “bondades” de Altri, anímese señor Rueda, o aforo témolo garantido.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario