Laracha mellora a sinalización horizontal nos accesos á praia de Caión

por 21 Noticias

O Concello está a desenvolver unha ampla actuación dirixida a adecuar a sinalización horizontal dos accesos á praia de Caión e das zonas de estacionamento máis próximas ao areal.

Faise co múltiple obxectivo de reforzar a seguridade viaria, facilitar a comprensión das marcas por parte dos condutores e favorecer a correcta utilización dos espazos de circulación e de estacionamento.

Así, nas vías de acceso rodado ao areal estanse marcando as frechas de dirección, os espazos de cebreado excluídos á circulación e tanto o ámbito peonil en verde como as liñas amarelas que o separan da zona de tránsito dos vehículos e advirten da prohibición de aparcar ou parar.

Na zona de estacionamento máis próxima á praia, reservada para vehículos de servizos e emerxencias, estanse remarcando as prazas e tamén as áreas de circulación en sentido entrada e saída.

O Concello executa estas actuacións dous meses antes do inicio da temporada estival, pero ante a previsión de que o número de usuarios do areal aumente progresivamente durante as próximas semanas.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario