Mañá arranca na Facultade de Informática a V Feira de Prácticas e de Emprego do sector TIC organizada pola UDC

por Redacción A Coruña

O día da clausura, o xoves 25, terá lugar tamén a entrega do premio ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado da FIC

Desde mañá e ata o próximo xoves, 25 de abril, a Facultade de Informática (FIC) acollerá a V Feira de Prácticas e de Emprego (FePEfic) dirixida a todo o alumnado de Informática. Esta cita, organizada pola FIC da UDC, en colaboración coa Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) e o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), ten como obxectivo tender pontes entre as empresas do sector TIC e o alumnado de grao e máster da FIC interesado en realizar prácticas en empresas ou en introducirse no mercado laboral.

Nesta edición estarán presentes un total de 26 empresas TIC, polo que o alumnado asistente terá a oportunidade de coñecer de primeira man algúns dos proxectos e iniciativas que están a desenvolverse no ecosistema empresarial. Durante tres días serán varias as iniciativas que se levarán a cabo, mesas redondas, presentacións e outras accións de posta en común entre alumnado e empresas, que terán lugar nos diferentes stands que compoñen esta feira, que chega á súa V edición.

Desde a FIC, a súa vicedecana de Relacións Institucionais, Paula Castro, destaca “o interese do alumnado por este evento que, cada ano, atrae a un maior número de estudantes coa finalidade de coñecer en primeira persoa as oportunidades laborais e prepararse para os futuros procesos de selección. Todo iso coa vantaxe de contactar directamente coas empresas, sen ter que desprazarse da súa facultade”.

Por iso, “agradecemos a participación das case 30 empresas do sector TIC que asisten este ano á feira, e que ademais colaborarán no programa de prácticas do centro do próximo curso académico”.  

Empresas participantes

As entidades que estarán presentes na presente edición da FePEfic son: Abanca, Aldaba, Altia, Avansig, Balidea, Cinfo, DataSpartan, Denodo, Enxenio, GBTEC, HPE CDS, Imatia, Inditex Tech, Innogando, Inycom, Itg, Merlin Software, Minsait, Navantia, NTT Data, Nunegal Consulting, Possible, QindelGroup, Sngular, Torusware e Trileuco.

 Premio ao mellor Traballo Fin de Grao aplicado

 Na última xornada da Feira, terá lugar tamén a entrega de premio ao mellor TFG aplicado da FIC, dotado con 1.500 euros. Un galardón dirixido a apoiar os mellores traballos realizados, e que está patrocinado pola Cátedra  Aldaba WIB: Women, ICT & Business, a Cátedra CICAS (Cátedra polo Impulso da Ciencia Aberta a través do Software, de Sngular) e a Cátedra NTT Data en Diversidade e Tecnoloxía. 

A V Feira de Prácticas e de Emprego do sector TIC desenvolverase en horario de 9:30 a 14:00 horas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario