Os traballos complementan as obras da senda peonil nas que a Deputación investiu 1,1 millóns de euros renovarán todo o firme da calzada
A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras de renovación do firme da estrada provincial DP 4803 que vai de Miño a Pontedeume por Perbes, por valor de 224.644 euros.
A actuación, que se realizará entre os PQ 7+200 e o PQ 10+350, consiste no fresado en firme con reposición de mestura asfáltica en quente dunha superficie de 500 metros cadrados e a pavimentación do tramo da estrada con mestura asfáltica en quente do firme actual de 5 centímetros de espesor en todo o ancho do vial, cunha superficie resultante de 20.790 metros cadrados.
Ademais, realizarase a colocación dunha nova sinalización horizontal con pintura vial branca reflectante en liñas e colocarase unha barreira metálica de seguridade cunha lonxitude de 632 metros cadrados, máis os seus correspondentes terminais.
O prazo de execución das obras é de tres meses, contados a partir do inicio das mesmas e a presentación de ofertas está aberta ata o 20 de maio de 2024 ás 23:59 horas.
Complemento á senda peonil de Centroña
«Esta actuación complementa as obras da senda peonil de Centroña, rematada no último trimestre do ano 2023, que ten 3,1 quilómetros de lonxitude e supuxo un investimento de 1,1 millóns de euros para a mellora da seguridade e a accesibilidade peonil na zona», explicou o portavoz do goberno provincial e alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, que lembrou que creación desta senda respondeu a unha antiga demanda veciñal, nunha zona moi transitada, tanto por tráfico rodado como por peóns.
Desta forma, a Deputación continúa mellorando este vial pertencente á Rede Provincial de Estradas moi importante e que conecta os concellos de Miño e Pontedeume.