Son 213 facturas que se abonarán con cargo a este concepto e que corresponden ao período comprendido dende principios de ato ata mediados de outubro, quedando aínda o que resta de outubro e os meses de novembro e decembro sen contabilizar
O PP de Viveiro compareceu este mércores ante os medios de comunicación para trasladar á cidadanía “a profunda deriva económica” na que se atopan as arcas municipais debido á xestión do goberno local. Tal é así que, amparados na documentación facilitada polos órganos administrativos do Concello, os populares desvelan que existe unha proposta da Alcaldía para empregar o 100% do remanente de tesourería (425.000 euros) para pagar facturas pendentes de pago e de dubidoso procedemento administrativo correspondentes ó exercicio 2023 ( que na sua totalidade ascenden a 835.000 euros), como así o reflicten os informes de Intervención e de Secretaría.
En total son 213 facturas que se abonarán con cargo a este concepto e que corresponden ao período comprendido dende principios de ano ata mediados de outubro, quedando aínda sen contabilizar os últimos meses do ano .
“Esta é a realidade de Viveiro. No pleno de marzo, a alcaldesa tiña que dar conta do informe anual das resolucións ditadas pola alcaldía contrarias aos reparos de legalidade formulados pola intervención nas contas do exercicio 2023 e negouse a facelo. Nin unha explicación nos deu, nin ela nin o concelleiro de facenda alí presente, a pesares de que servizos tan importantes como os de Intervención e Secretaría explicitaban que non se estaba seguindo o procedemento que rexe a lei. Incluso, advirte Gueimunde, hai procedementos e facturas polo mesmo concepto ou evento, emitidos pola mesma empresa e para o mesmo fin, que exceden dos 110.000 euros e que, supostamente, poderían supoñer un fraccionamento do pago, e que se repiten ano tras ano sen pasar polas mesas de Contratación”.
O CONCELLO LANGUIDECE PERO PRIORÍZANSE GASTO SUPERFLUOS
A popular pon así no centro do debate “a desastrosa” xestión económica do Concello porque, mentres a entidade local ten unha débeda bancaria de arredor de 8 millóns de euros, o que provoca que tampouco se poidan facer inversións, duplica ou triplica a aportación para gastos superfluos.
A modo de exemplo, cita “o desfase en festas e en publicidade”. No primeiro caso, o gasto pasou dos 106.000 euros consignados no orzamento 2022 aos 423.000 que se gastaron no 2023 ,e no segundo, dos 57.000 consignados no orzamento 2022 aos 115.000 euros aproximadamente que se gastaron no 2023”. E tamén critica que, dada a situación tan precaria que ten a entidade local dende o punto de vista económico, se autorizase sin embargo a adquisición de diverso material informático para os concelleiros do BNG e a propia rexedora. En concreto dous ordenadores para os concelleiros e unha tablet para a alcaldesa. En total, máis de 3.000 euros en gastos que ben poderían esperar ata que se regularizase algo a situación ou ser destinados a pagarlle ós provedores, ás asociacións ou a amañar ou prestar servizos básicos. “Esta é unha mostra das prioridades do goberno PSOE+BNG que están levando á ruína ó noso concello”, apunta.
XESTIÓN EN CONTRA DA NORMA
Para os populares resulta “totalmente reprobable” que se xestione en contra da norma. Proba delo, destacan é que as Xuntas de Goberno detallan obrigas sen propostas de gasto a pesares da advertencia da Secretaria que, xa en febreiro, emitiu unha circular na que se lle advertía ao goberno que se acordase de que o procedemento de gasto sempre ten que ir con consignación, a proposta correspondente e os informes preceptivos de Intervención e de Secretaría. “Somos a cidade sen lei”, concluíu.
FUTURO INCERTO
Que pasa cos presupostos? En que situación queda o Concello cando a débeda bancaria ronda os 8 millóns de euros e, aínda que se aproben as facturas de xaneiro a outubro co remanente de tesourería, aínda nos quedan arredor doutros 450.000 euros para pagar no 2024 con recoñecemento extraxudicial de débeda? “Hai que lembrar que aínda faltan as facturas sen consignación de outubro ata decembro… polo que a débeda se incrementaría considerablemente e a situación podería ser aínda máis dramática”, concluíu Mariña Gueimunde.