Hoxe visitaron a zona representantes da Consellería do Medio Rural e da empresa contratada para elaborar as bases e o plan de ordenación de predios de especial vocación agraria
A Consellería do Medio Rural inicia os traballos da reestruturación parcelaria de Guilfrei, en Becerreá, que prevé reorganizar unha superficie de 441 hectáreas divididas en 1.871 parcelas, propiedade de 142 veciños. O orzamento previsto ascende a máis de 1,3 millóns de euros.
Representantes da Consellería desprazáronse hoxe ao lugar xunto con técnicos da empresa que resultou adxudicataria do contrato para a preparación das bases e o plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona.
Os traballos a realizar inclúen investigar a propiedade das terras, que consiste na recollida dos datos persoais dos propietarios, así como da documentación acreditativa do dominio das parcelas a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou gravames.
Igualmente, é preciso revisar e actualizar, no seu caso, o levantamento topográfico da superficie, delimitar o perímetro definitivo da zona, elaborar a clasificación das terras e levar a cabo todos os traballos de campo e cálculos previos necesarios para o estudo detallado da situación actual.
Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, o proceso declarouse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Desta forma, en Guilfrei veranse beneficiadas 31 explotacións agropecuarias.
Neste contexto, dende o ano 2020 a Xunta rematou un total de 32 concentracións parcelarias e decretou outras 29. As rematadas abarcaron unha superficie total de máis de 21.753 hectáreas, beneficiando algo máis de 17.318 propietarios que recibiron case 36.690 títulos de propiedade. Co fin de manter o seu compromiso coas reestruturacións parcelarias, o Goberno galego destina este ano 24 millóns de euros -un 41% máis que o ano anterior- para seguir avanzando nestes procesos, que son fundamentais para organizar o territorio e poñelo en valor.