O Festival Mar de Mares desembarcará na Coruña no mes de xuño

Mar de Mares festexa por undécimo ano consecutivo un evento único pola visión multidisciplinar coa que aborda a divulgación sobre os océanos e que volverá converter A Coruña en capital mundial dos océanos entre os días 8 e 16 de xuño

O Festival Mar de Mares volve un ano máis á cidade da Coruña para celebrar a súa undécima edición, que contará cun potente programa e estará repleta de novidades. Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial dos Océanos, o 8 de xuño, Mar de Mares dará o pistoletazo de saída a esta nova edición e celebrarase entre os días 8 e 16 de xuño. Pero as novidades non acaban aquí porque o Festival tamén estreará nova sede, o Mercado Mar de Mares trasladarase a un dos lugares máis icónicos da cidade, o Mercado de San Agustín.

A historia da humanidade está estreitamente ligada ao océano, o maior ecosistema do noso planeta que ademais é unha das grandes fontes de enerxía, xerador de osíxeno, alimento e medicina, forxador de culturas, fonte de inspiración de artistas e lugar de lecer para todos. Por todo iso celebramos, por undécimo ano consecutivo, o Festival Mar de Mares, un lugar de encontro de científicos, expertos oceanográficos, artistas, emprendedores, cociñeiros mariños e activistas que contaxiarán o seu entusiasmo e compromiso por e co mar.

Tan infinitas como o mar son as posibilidades e prismas para achegarnos ao fascinante universo dos océanos. Este ano Mar de Mares estrea novo lema, “Énchete de océano”, co que convida tanto aos seus fieis seguidores durante os últimos dez anos como a novos públicos de todas as idades a mergullarse de maneira activa en expresións artísticas, encontros inspiradores, propostas culturais, activismo ou na gastronomía, que volverán converter A Coruña na capital mundial dos océanos durante case dúas semanas cheas de actividades divulgativas e de lecer. Un programa que contará con novas propostas pero sen perder de vista os seus clásicos.

Máis de trinta actividades para gozar do mar de mil maneiras, a bordo dun barco ou en terra; observando a súa paisaxe ou participando na súa limpeza, degustando exquisitos bocados ou bailando ao son de cantos mariñeiros, debatendo sobre o futuro dos océanos ou descubrindo o pasado da nosa cidade. Nesta edición, a nova ubicación do Mercado Mar de Mares, no Mercado de San Agustín, permitiranos contar con novos formatos de actividades á vez que mantemos as favoritas do público como concertos, obradoiros para nenos e nenas, faladoiros, showcookings, degustacións e moitos máis. Como non podía ser doutra maneira, este ano tamén repetiremos algúns dos nosos clásicos como a 5ª Gran Limpeza de Fondos Signus, que volverá reunir a decenas de mergulladores e voluntarios no litoral da cidade. Celebraremos tamén o II Foro Azul Mar de Mares, unha xornada para descubrir tódalas opcións de futuro da economía mariña. Todo iso no mellor escenario posible, A Coruña, cuxa estreita relación co Océano merece atención especial na programación de Mar de Mares.

Comparte éste artículo
No hay comentarios