«Para a área de cultura da Deputación é un inmenso pracer e un orgullo impuslar este proxecto, moi necesario non só na provincia, senón para o sector cultural de todo o país; por iso nos sentimos na obriga, como administración, de crer firmemente neste tipo de iniciativas e de promovelas»
A segunda edición das Residencias Artísticas Mariñán, organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña, rematou esta mañá coa visita da titular do departamento, Natividade González. A deputada, a comisaria de música, Aitana Cuétara, e o comisario de literatura e pensamento, Roberto Abuín, acompañaron ós residentes nunha despedida que tivo como colofón unha mostra do traballo realizado durante a súa estadía polo conxunto musical aTorna.
Foi o peche a case dúas intensas semanas nas que se desenvolveron os oito proxectos seleccionados polos xurados: os catro musicais, de Cantometrics e Su Garrido Pombo —na primeira quenda, do 15 ao 20 de abril—, e de Chumba e aTorna —na segunda quenda, do 21 ao 26 de abril—; e os catro de literatura e pensamento, de Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila, Laura Martínez Mateo e Marina Vidal Valiña, quen conviviron durante os doce días.
Antes da actuación d’aTorna, Natividade González puxo en valor as residencias, «que reforzan as liñas do departamento de Cultura provincial de axuda á creación a través deste programa centrado non nas pezas ou resultados finais, senón no apoio aos procesos creativos en contextos de aprendizaxe e traballo comunitarios».
«Para nós», engadiu, «é un inmenso pracer e orgullo impuslar este proxecto, moi necesario non só na nosa provincia, senón para o sector cultural de todo o país; por iso nos sentimos na obriga, como administración, de crer firmemente neste tipo de iniciativas e de promovelas, polo éxito acadado, nesta e na anterior edición, e polo que vós nos transmitistes nas visitas que vos fixemos nestas dúas semanas de estadías: a importancia das Residencias Artísticas Mariñán para sacar adiante todo ese talento que levades dentro, en convivencia e nun ambiente capaz de crear esas sinerxias».
Abuín salientou a importancia do apoio de Cultura da Deputación, «non só para crear contextos para a creación e o pensamento, senón que creo que tamén hai unha tarefa, por parte das institucións, que é unha tarefa pedagóxica: a institución non é só un espazo para administrar os recursos públicos, senón que debe tamén ser tamén un espazo de creación que abra posibilidades».
Aitana Cuétara tamén lle agradeceu ao departamento provincial de Cultura a posibilidade de que os residentes dispuxesen «dun espazo axeitado e cómodo e de recursos para traballar e asegurar a viabilidade dos seus proxectos». «Moitas veces», dixo, «as asesorías e a formación están máis enfocadas a cuestións relacionadas coa venda, distribución, comunicación, escenografía e vestiario, pero neste caso quixemos traballar en facilitar o proceso creativo, coma asesorías etnográficas, de tratamento de letras tradicionais ou mesmo antropolóxicas».
A deputada introduciu as reflexións finais, conducidas por Cuétara e por Abuín, nas que as e os participantes agradeceron a experiencia e salientaron as facilidades que lles deron a Deputación e o comisario e a comisaria para traballar «nun espazo inspirador no que dispoñer de tempo de calidade» para desenvolver os seus proxectos. Tamén recoñeceron a colaboración das persoas que os asesoraron durante as estadías: os xestores culturais Víctor Flores e Iván Arias; as especialistas en comunicación cultural Andrea Villa e Bea Camiña, Produtriz; a avogada especializada en cultura Ania González; as etnomusicólogas Xulia Feixoo e Beatriz Busto; o antropólogo Rafa Quintía; as axencias de contratación artística aCentral Folque e Sopla de Cara; a escenógrafa Sandra Varela; o director de escena Marcos González; e os escritores Chus Pato e Ismael Ramos.
As propostas
- Francisco Rodríguez Casal: Do outro lado (literatura). Proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor.
- Esperanza Mariño Davila: Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras (literatura).
- Laura Martínez Mateo: A identidade agochada (literatura). Proposta de poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade.
- Carmen Marina Vidal Valiña: Recuperando a memoria das «tolas» galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas (pensamento).
- Su Garrido Pombo: Traspielas. A proposta da artista galega Su Garrido Pombo —a quen acompañaron na residencia Fran Rodriguez Casal, Marco Maril, Macarena Montesinos, Coral Piñeiro e Iago Ramilo— celebra a memoria colectiva dunha aldea en forma musical, textual, escénica e visual, que durante a residencia avanzou coa colaboración de artistas contemporáneas doutras disciplinas e estilos diversos: electrónica, experimentación e a música tradicional.
- Cantometrics é unha banda formada por cinco músicas e músicos galegos de ampla traxectoria musical en diferentes estilos que abranguen dende a música clásica e académica ata a tradicional, pasando polo pop, o folk ou a electrónica. Marina Vigo (gaita), Luís Bolón (zanfona e percusións), Sandra Pérez (láminas e percusións), Nébeda Piñeiro (voz) e Fran Trashorras (acordeón) integran este proxecto que toma como base o arquivo sonoro de Alan Lomax.
- aTorna (o galego Gabi Reboredo e os cataláns Gutier Álvarez e Adrià Grandia) xunta dúas tradicións, as de Galicia e Catalunya, e tres ollares diferentes dende cadansúa historia e percorrido persoal. Conflúen neste proxecto tomando o rito colectivo, nun novo espazo de libre creación aberto á indagación nos mecanismos e códigos herdados pola tradición.
- Chumba (Alba Pego e Martín Sampredro): Marearte. Trátase dun proxecto artístico de inmersión que busca representar a unha sociedade «mal conectada» co entorno co que convive. Unha proposta que fusiona a creación sonora —recreación de ambientes e atmosferas sonoras—, creación musical —caracterizada pola fusión entre vangarda e tradición— e visual —a través de videoproxeccións e videomapping—, para crear unha experiencia realmente envolvente.