A actuación está valorada en 713.000 euros.
A Mesa de Contratación reuniuse para proceder á apertura de plicas e a clasificación das ofertas presentadas no procedemento de licitación aberto para a adxudicación da execución do proxecto de reforma integral da antiga casa reitoral de Montemaior.
De acordo aos criterios técnicos establecidos nos pregos que rexen o procedemento, a proposta máis favorable para o Concello é a achegada por Iam Rumbo Instalacións y Obras S.L., empresa á que se prevé adxudicar o contrato nos próximos días por parte da Xunta de Goberno Local, que é o órgano municipal competente.
O Concello vai investir 713.000 euros en transformar a histórica edificación, situada no Igrexario de Montemaior fronte á igrexa de Santa María Madanela, nun espazo multifuncional que sirva de punto de encontro para a veciñanza, centro de referencia para o sector primario e albergue xuvenil, entre outros usos.
A casa reitoral de Montemaior está emprazada nunha parcela que presenta unha superficie de 2.221 m2. A edificación principal conta con planta baixa (279,69 m2) e primeiro andar (239,40 m2), ademais de catro espazos anexos (189,25 m2).
O proxecto da reforma integral respectará a estrutura da reitoral, pero cunha nova distribución. A planta baixa quedará dividida en varias estancias mediante tabiques móbiles que permitirán flexibilizar os espazos nos que acoller reunións, eventos, cursos e actividades. Tamén será recuperada a antiga zona da lareira e creada unha habitación adaptada. No primeiro andar habilitaranse seis dormitorios, mantendo as ventás orixinais cara o exterior e creando novas cara o interior que melloren as capacidades térmicas do cerramento, a iluminación e a ventilación.
No exterior vai ser adecuada unha zona pública de reunión cun pavimento diferenciador aproveitando a estreita relación visual entre a reitoral e a igrexa.
Esta iniciativa municipal pretende o triplo obxectivo de recuperar un inmoble histórico como a reitoral de Montemaior, ofrecer novos espazos para uso e desfrute da veciñanza e dispoñer de infraestruturas públicas que permitan acoller novas iniciativas especialmente relacionadas coa posta en valor do sector primario (principalmente, da agricultura) e o voluntariado xuvenil.