Lembranzas hoxe, mañán e sempre. Por Francisco López «Chesqui»

por Francisco López "Chesqui"

Secretario Xeral do Partido Galeguista

De cando en vez, os medios de comunicación alédanos as nosas vidas con novas agradables. Este foi o caso de antes de onte, en canto a miña persoa se refire. E a noticia á que me refiro que cualifico de «boa nova», é a seguinte, «El Gobierno vasco compra el Monasterio de Santa Clara en Gernika con la intención de convertirlo en un espacio vinculado a la memoria….».

Ao ler esta «boa nova» veume á cabeza a visita que fixemos a Euskadi unha delegación do Partido Galeguista o pasado mes de Febreiro, para entre outros actos, rendirlle unha sentida homenaxe a dúas persoalidades vascas, que sen dúbida ningunha forman parte da historia dos nosos dous pobos, refírome a José Antonio Aguirre (primeiro Lehendakari de Euskadi) e Manuel de Irujo ( Ministro de Xustiza na II República) ámbolos dous dirixentes do PNV e grandes amigos do tamén dirixente do Partido Galeguista e pai da patria galega, Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao.

Manuel Suárez, presidente do Partido Galeguista, asinando no libro de esgrevios visitantes da Casa de Juntas de Gernika

Non podíamos visitar Euskadi sen visitar o emblema e orgullo de todos os seus cidadáns, a árbore de Gernika. E trasladámonos ata alí na compaña sempre de Iñaki Anasagasti e da súa dona María Esther, que – para aquelas persoas que non o saiban – foi deputada na Junta General de Bizkaia polo PNV. Nesta visita fumos recibídos na Casa de Juntas de Gernika pola súa Presidenta, Ana Otadui, que nos acompañou en todo o percorrido polas nobres e históricas instalacións, amosando un exercicio de profundo respeto e lealdade para con nós e a nosa Terra, convidándonos a que asináramos no libro de esgrevios visitantes, ao igual que o fixera no seu día o noso irmán Castelao. Foi aquí cando Ana Otadui, á pregunta de Iñaki Anasagasti, informounos do avanzadas que estaban as xestións para mercar o Monasterio de Santa Clara, ubicado no mesmo recinto da Casa de Juntas e do emblemático árbore de Gernika.

Panteón de Galegos Ilustres de Santo Domingo de Bonaval

Ao escoitar esta información, conteille á presidenta, que nós na nosa Terra, en Galicia, tíñamos un inmoble de características semellantes, e que recollía entre as súas nobres e históricas paredes, os restos mortais daquelas persoas que tiñan adicado as súas vidas na procura do engrandecemento e da identidade diferenciadora do noso pobo diante dos demais pobos da Península Ibérica, de Europa e do Mundo, e que entre esas persoas atopábanse as figuras máis relevantes e importantes de cantas viran a luz na nosa Terra, Rosalía de Castro e Castelao. Estábame a referir, por suposto, ao Panteón de Galegos Ilustres de Santo Domingo de Bonaval. A presidenta da Junta General de Bizkaia quedou sorprendida, porque non tiña coñecemento deste feito.

Iñaki Anasagasti, na Sabino Arana Fundazioa

Pero quen aí era coñecedor desta carencia en Euskadi, é o meu bo e entrañable amigo Iñaki Anasagasti, porque non é a primeira nin a segunda vez que falamos de este asunto, e sempre mantivo a crenza e o pleno convencemento de que Euskadi debería contar tamén con un «Panteón de Vascos Ilustres»…e perdoádeme o meu atrevemento….hai un mellor espazo vinculado á memoria dun país, que aquel lugar onde descansan aqueles que fixeron posible a historia dos nosos respectivos pobos?

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario