O PP esixe ao Goberno de Sánchez dende o Senado medidas de apoio á frota pesqueira ante os temporais

Tamén propoñen eximir ao sector do pago das cotas á Seguridade Social durante todo o período no que se sucedan os fenómenos climáticos adversos e que o Goberno de España inicie os traballos necesarios para pedir á Comisión Europea a adopción dunha medida excepcional.

O Grupo Popular presenta na Comisión de Pesca do Senado -onde o galego Manuel Ruiz é o portavoz popular e da que forma parte o mariñán José Manuel Balseiro- unha iniciativa para esixir ao Goberno de Sánchez medidas de apoio á frota ante “os problemas específicos ocasionados ao sector pesqueiro polos últimos temporais”.

Os populares instan ao Goberno do Estado a poñer en marcha mecanismos de compensación, automáticos e áxiles, para dar resposta á situación que atravesan as persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro a consecuencia dos danos sufridos a causa das borrascas e os episodios meteorolóxicos extremos continuados rexistrados na presente campaña.

Así mesmo, propoñen eximir ao sector do pago das cotas á Seguridade Social durante todo o período no que se sucedan os fenómenos climáticos adversos. E tamén inciden en que o Goberno de España inicie os traballos necesarios para pedir á Comisión Europea a adopción dunha medida excepcional, conforme ao artigo 26 do Regulamento (UE) 2021/1139 polo que se establece Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura, en virtude do que se poida aprobar a articulación de medidas de apoio ao sector ante episodios extraordinarios, co obxectivo de dar resposta aos problemas específicos ocasionados polos fenómenos climáticos adversos ao sector.

Os senadores populares coinciden en que “os temporais marítimos son o principal factor de risco e xera incerteza no sector pesqueiro que, ante determinadas condicións meteorolóxicas, non sae ao mar por razóns de seguridade”.

As continuas borrascas e frontes atlánticas provocaron choivas moi intensas e persistentes que “impediron nas últimas semanas a actividade pesqueira da frota galega e do resto da costa española, impedindo que a de baixura e o marisqueo que dependen das saídas diarias para manter a súa rendibilidade fora realizada con normalidade”.

Os populares advirten que “o sector marítimo-pesqueiro non pode recuperar os días perdidos polo temporal xa que os produtos do mar son un recurso perecedoiro e os mercados demandan subministración continua” polo que “as súas perdas son irreversibles”. Así mesmo, ten que seguir afrontando custos de persoal e as cotizacións á Seguridade Social. De feito, “é o único sector produtivo que debe seguir asumindo os custos sociais completos sen posibilidade de realizar a súa actividade laboral”.

GALICIA

En Galicia, o Goberno galego a través dos biólogos de zona da Consellería do Mare en colaboración coas confrarías de pescadores, realizaron dende o momento no que se puido actuar mostraxes dentro dunha campaña extraordinaria de análises do estado do recurso nos bancos marisqueiros das rías despois dos temporais.

Así mesmo, a Xunta reiterou o seu compromiso de continuar traballando da man do sector no deseño das medidas que van permitir apoiar aos profesionais e garantir a sustentabilidade do marisqueo galego mentres se recuperan os recursos.

Comparte éste artículo
No hay comentarios