Lugo celebrará o Día dos Museos con dúas actividades culturais nas salas museísticas

por Redacción Lugo

O 18 de maio, o Centro Arqueolóxico San Roque e a Sala de Exposicións Porta Miñá acollerán concertos da agrupación Clo Plas, procedente da Fonsagrada e da portuguesa Carolina Malva

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, anunciou as actividades que organiza a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo polo Día dos Museos, que se celebra o 18 de maio. Ferreiro afirmou que «celebramos unha xornada importante nas salas museísticas municipais abríndoas á veciñanza e achegando a Lugo a dous grupos novos pero de gran calidade procedentes da provincia de Lugo e de Portugal».

Ferreiro animou á veciñanza a participar nas actividades, que serán gratuítas e terán lugar no exterior dos museos. A concelleira de Cultura afirmou que «as distintas salas museísticas permítennos coñecer a historia de Lugo, desde a época romana ata os nosos días, e son un gran atractivo tanto para as veciñas e veciños de Lugo como para os miles de turistas que ano tras ano visitan estas instalacións».

O Día internacional dos Museos celébrase anualmente desde o 1977, e ten como obxectivo concienciar sobre a utilidade dos museos como un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.

Clo Plas, venres 18 de maio ás 12:45 no exterior do Centro Arqueolóxico de San Roque

Proxecto performativo impulsado pola poeta Xiana Arias (letra e voz) e polo explorador de sons Berio Molina (música, percusión e voz). Trátase, sen dúbida, dunha das propostas máis radicais e excitantes da creación interdisciplinar galega da temporada, apegada segundo eles mesmos subliñan á oralidade da Fonsagrada. O seu primeiro traballo, titulado Bafi e publicado este mesmo ano ao abeiro da Regueifa Plataforma 2.0, amosa unha liña de esculca que se move entre a xenialidade, o humor e a turbacion lírica.

Dúas voces, dous paus e un rap minimalista con retrousos de vocación popeira de baixa fidelidade. O seu primeiro EP ‘bafi’ foi gravado e producido polo Hevi. Un traballo tenro e radical atravesado pola oralidade, as historias e a memoria da Fonsagrada. Letras nas que habitan vacas e paxaros, montañas e galletas, lembranzas e casas abandonadas. ‘Paxarín pin pin’ foi o exitoso single de adianto deste primeiro EP.

Malva, venres 18 de maio ás 18:30 no exterior da Sala de Exposicións Porta Miñá

Carolina Viana, natural de Viana do Castelo e residente no Porto, ten a vontade de expor un traballo musical solista dunha inquedanza antiga, a de querer expresarse en nome propio e ter unha voz. MALVA é a emancipación de alguén que se dí artista, máis que nunca fixo nada soa. É a emancipación de alguén que a pesar de non ter as ferramentas, as pide emprestadas e grava dentro das catro paredes do seu propio cuarto. É a emancipación dunha dor que foi amor e que flúe, finalmente, num mar de cancións.
Cunha duración de 45 minutos, este concerto pretende convidar ao espectador a reflexionar sobre o estado de inquedanza, dúbida, inseguridade e apego, tan común da nosa especie, e que deu orixe a todo o universo do álbum. 

A dimensión da profundidade e verdade presentes neste concerto e no álbum tenlle conferido a apreciación posiva dun público bastante basto, que vai desde pequenos a maiores que aprecian a música, con influencias da Música Popular Brasileira, Música de Intervención Portuguesa e até mesmo do Jazz.
Cun ambiente inmista como escenario, case como unha burbulla, créase un universo propio embala ao ouvinte, sendo este sumerxido nun universo acúsco de reflexión e introspección. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario