A programación da Casa-Museo Manuel María inicia o mes das Letras coa comedia ‘Bicos con lingua’, de Talía Teatro

por Redacción Galicia

A histórica compañía teatral galega vén de ser recentemente a triunfadora dos Premios María Casares pola obtención de sete galardóns pola obra «Unha inimiga do pobo»

Talía Teatro, a histórica compañía teatral galega que vén de gañar sete galardóns dos Premios María Casares pola obra «Unha inimiga do pobo», estará este sábado, 4 de maio, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María iniciando a programación da casa-museo no mes das letras. E faino cunha exitosa comedia sobre a realidade sociolingüística de Galiza, Bicos con lingua, que leva máis de vinte anos en xira.

Da man dos actores Artur Trillo e Toño Casais, esta peza dirixida por Avelino González e creada a partir de textos de Suso de Toro, Cándido Pazó, Ana Iglesias, Xavier Lama, Marta Echevarría e Manuel Núñez Singala, está chea de humor, xestos, actitudes e costumes que reflicten unha radiografía da nosa lingua. Cunha montaxe sinxela e directa Talía Teatro pretende que as persoas espectadoras redescubran unha lingua que existe e crece na súa inmensa riqueza, a pesar dos usos, abusos e atrancos aos que está sometida acotío.

Bicos con lingua vai dirixida para público adulto e xuvenil e para asistir é necesario reservar billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario