Betanzos volverá acoller o Campionato de España Infantil de Baloncesto Masculino

por Redacción Deportes

O evento, organizado polo Santo Domingo e o Concello, celebrarase do 2 ao 8 de xuño

32 equipos de toda España, entre eles os das máis senlleiras canteiras do baloncesto estatal; 384xogadores; 192 técnicos; 40 voluntarios; 100 árbitros e auxiliares; 3 sedes (Betanzos, Miño e Abegondo); 64 partidos de baloncesto; 7 días de competición… Así se anuncia o Campionato de España Infantil de Clubs da FEB (Federación Española de Baloncesto) que volverá ter como escenario Betanzos grazas ao esforzo do Club Santo Domingo e do Concello.

Do 2 ao de xuño, e repartindo a carga de partidos coas subsedes de Miño e Abegondo, o máis importante certame do baloncesto infantil (rapaces nados en 2010-2011) volve situar a nosa cidade no mapa do deporte da canastra. A experiencia, que xa tivo o seu precedente nas temporadas 20-21 e 21-22 (neste caso de categoría feminina) suporá sen dúbida toda unha experiencia deportiva, co mellor baloncesto de formación, e toda unha oportunidade para o comercio e a hostalaría da bisbarra, xa que se prevé que, xunto con todos os xogadores e corpos técnicos, visiten a nosa cidade as familias e acompañantes dos 32 equipos clasificados para participar nesta Fase Final.

Xunto cos campións dos distintos campionatos autonómicos asistirán tamén os subcampións das 8 CCAA con meirande númerode licenzas (entre elas Galicia, que sumará un terceiro participante como Federación organizadora) e os 4 equipos seguintes na clasificación das autonomías cuxos equipos obtiveron os 4 primeiros postos o ano pasado (na 22/23 o equipo campión foi o FC Barcelona, seguido do Real Madrid, o Joventut de Badalona e o Baloncesto Fuenlabrada).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario