Comunicado das Xuventudes Socialistas sobre os ataques LGTBIFÓBICOS recibidos nas redes sociais

por Redacción Galicia

Xurxo Doval, Secretario Xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia

Antes de comezar, agradecerlle á miña casa, á miña familia das Xuventudes Socialistas de Galicia como do Partido Socialistas de Galicia polo agarimo trasladado nestas últimas horas. Pero sobre todo, aos meus amigos e amigas, que se preocuparon por min e me animaron a facer este escrito.

Miña avoa sempre me di que en política un “sofre moito”. Hai dous anos, cando asumín a Secretaría Xeral de XSG, lembraba esa reflexión, sendo consciente que, unicamente xa por ter a responsabilidade que tiña, ía ser obxecto directo de ataque por calquera cousa que dixera ou fixera.  Con isto, tamén aceptei perder algo máis da miña privacidade para someterme a un escalón máis de exposición pública.

Dende entón, sempre foi habitual atoparme con comentarios provocadores, chamadas de atención, que non manifestaban odio político nin persoal, que resultaban saídas rápidas ou absurdas de argumentacións baleiras de contido de quen non opina do mesmo xeito. Nada doente, en definitiva, como moito fatigante.

Non vou a negar que ata eu mesmo, algunha vez, entrei nesas dinámicas “incendiarias” do “pique adolescente”, pero que non ocultan maldade. Esas regras de xogo sen sentido que nos últimos anos fomos aceptando e co tempo acabas deixando por aburrimento, e porque non merece a pena perder o tempo. Publicas, silencias e a seguir coa túa vida.

Mais hoxe non. Agora mesmo, cando debería ter pasado toda a miña tarde estudando e preparando os meus exames, vinme mergullado nesa manifestación de denigración e afundimento que, tan só 24h o Presidente do Goberno denunciaba nunha escala aínda máis grave.

Onte subín un vídeo onde estabamos eufóricos celebrando que Pedro Sánchez seguise. Como resultado, atopeime co “pique fácil” de antes, máis tamén cun cúmulo de comentarios como: “degenerado”, “ojalá te viole un magrebí”, “sácate la lefa”, “maricón sin testosterona”, “retrasado y marica”…a cada cal peor e que tamén mesturaban cuestións sobre o meu físico.

Ante a situación, pois reafirmeime nas palabras do Presidente: “Claro que vale la pena seguir”, estannos a atacar con odio e vile sen xustificación. Como resultado deste comentario atopeime con sorpresa como a Vicesecretaria de Acción Social, a Coordinadora Xeral e o Vicesecretario de Formación de NNXX Galicia, que dándose por aludidos (quero dicir, que compañeiros/as da organización, incluso ata eles mesmos polo que me consta, non fixeron comentarios de odio previamente, así que non tiñan motivos para sentirse interpelados), non só non os condenaron, senón que ata se fixeron cómplices deles.

Cualificando os ataques como “verdades” e insinuando que era un “llorica” (unha vez que lles alertei do que estaba a pasar) non daba crédito do que estaba a pasar. As NNXX, xente con Nome e Apelidos, a cara descuberta, estaban a ser cómplices da homofobia e explotou todo.

Atópome agora mesmo bloqueado, sen saber moi ben que facer. Que necesidade hai? Por que ese odio persoal? Non era máis doado asumir o erro? Por que xustificar a súas discrepancias ideolóxicas atacando a miña orientación sexual?

Que lles fixen eu? Estar feliz? Como non vou estar feliz despois de toda a tensión? do traballo do 23X, de cada campaña, das horas que lle adico por paixón a estas siglas como eles o fan polas súas. Merecerían eles ser  atacados do mesmo xeito por ter celebrando de calquera xeito a vitoria do PP o 18-F? Por min non, dende logo, e se alguén da miña organización o fixera, ao instante estaría pedindo perdón publicamente se así mo pedise a súa Presidenta, como lle pedín eu.

Véxome agora agobiado ante unha sobreexposición que tampouco buscaba, pero en parte tamén necesito expresarme. Porque me acabo de ver obrigado de defenderme publicamente da miña orientación sexual cando nunca foi un asunto tratado na  privacidade da miña familia, do meu fogar, aínda que en outros ambientes máis cómodos para min si o fose.

Non tratado, non polo rexeitamento dos meus achegados, pois teño a sorte de vivir nun entorno abertamente progresista en valores sociais, máis por esa sensación que todas algunha vez temos nesta situación. É inxusto que se me acabe de roubar, por mor do odio político, o meu dereito de decidir cando e como quería abordar a “saída do armario” cos meus pais, coas miñas irmás, cos meus avós…

Non teñen o dereito a afundir psicolóxicamente a ninguén, sexa hoxe eu, mañá outra persoa, e antes, milleiros e milleiros máis…sexa pola súa orientación, pola súa ideoloxía, ou por amabas. A humillación pola humillación, como forma de sentirse satisfeito un consigo mesmo non debería ter cabida.

Por iso, pídolle de novo abertamente a NNXX que condene a actitude, ataque e complicidade dos integrantes da súa dirección (os cales deberían pedir perdón tamén), pois resulta dun grave dano moral.

Cando un milita nunha organización, milita por principios, por valores, sexan cales sexan, co obxectivo de mellorar a vida dos demais dende o seu lado da barricada. Eu levo facendo iso dende hai 10 anos. Obviamente con momentos bos e outros máis amargos, pero sempre paga a pena cada hora botada, pola aprendizaxe, por coñecer xente e lugares incribles e sobre todo, por facer aquelo que pensamos que é correcto. Esa, penso que é a nosa forza, a miña forza sexa cal sexa o meu lugar.

Díxeno no Congreso do PSdeG, e repítoo hoxe, a nosa loita ten séculos de historia. Somos a lapa que non se apaga de quen prefire morrer en pé antes que vivir de xeonllos, e mañá seguirei con forza traballando cos meus, sen entrar no xogo sucio, porque xa bastou, non todo vale, e menos seguir denigrando a colectivos sociais como é o LGTBI.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario