Oleiros acollerá en xuño a I Copa de fútbol afeccionado Deputación da Coruña

por Redacción Deportes

Participarán os equipos da categoría masculina e feminina gañadores das Copas oficiais da Federación Galega de Fútbol da provincia da Coruña

A I edición da Copa de fútbol afeccionado Deputación da Coruña reunirá no mes de xuño en Oleiros o mellor do fútbol afeccionado coruñés para disputar este campionato

Participarán na competición os equipos da categoría afeccionados, masculina e feminina, gañadores das Copas oficiais da Federación Galega de Fútbol na provincia da Coruña, que son a Copa A Coruña, Copa Costa da Morte, Copa Ferrol e a Copa Sar.

O deputado de Deportes, Antonio Leira, destacou que a competición «ten como obxectivo apoiar ao fútbol modesto da provincia da Coruña a través dun torneo que reúne aos gañadores das copas da provincia».

A competición terá lugar no mes de xuño en Oleiros. As semifinais celebraranse o domingo 16 e as grandes finais serán o sábado 22.

O torneo disputarase mediante un sistema de eliminatorias a un só encontro, celebrándose en dúas xornadas en formato de sede única, disputándose todos os partidos de cada xornada nun mesmo campo.  En caso de empate, incluída a final, resolverase a igualdade a través dunha quenda de penaltis.

Toda a información, resultados, incidencias e notificacións desta competición realizaranse a través da páxina web www.futgal.es e a intranet da propia federación nunha xanela específica para a I Copa de Fútbol Afeccionado Deputación da Coruña.

Recibirán un trofeo os equipos campións e subcampeóns, másculino e feminino. A entidade provincial destinará un total de 28.000 euros en premios aos equipos participantes recibindo 5.000 euros os campións, 4.000 euros os subcampeóns, 3.000 euros os terceiros clasificados e 2.000 euros os cuartos clasificados.

Os gañadores deste campionato conseguirán praza para a Supercopa Deputación, que disputarán cos gañadores das outras competicións homólogas que se disputan nas provincias de Lugo, Pontevedra e Ourense. O vencedor da Supercopa Deputación participará na fase previa da Copa do Rey de fútbol.

As entradas para o público afeccionado serán de balde para todos os encontros.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario