Verín acolle a “Semana das Letras Galegas” cunha ampla variedade de iniciativas culturais

por Redacción Ourense

O Concello de Verín vén de presentar a programación oficial da “Semana das Letras Galegas”, que se celebrará do 10 ao 19 de maio. A concelleira de Cultura, Turismo, Festexos e Conservatorio, Samanta Barreira, anunciou unha serie de eventos e actividades pensados para todas as idades e especialmente deseñados para promover e celebrar a lingua e literatura galegas.

O pleno da Real Academia Galega dedica o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), en conmemoración do vixésimo aniversario do seu pasamento. Recoñecida como una das grandes figuras da literatura galega dos anos 80 e 90, Villalta destacou pola súa obra sólida e singular que abordaba temáticas contemporáneas con paixón e rigor. A autora, lembrada principalmente pola súa poesía, tamén destacou noutras disciplinas como o teatro, a narrativa e a tradución, entre outros; deixando unha marca significativa no panorama cultural galego.

O Concello de Verín únese a esta celebración cunha ampla axenda cultural onde a literatura, a danza contemporánea, a música, o teatro, as artes plásticas e os conta contos se converterán no epicentro da actividade cultural municipal. «A «Semana das Letras Galegas» é unha oportunidade única para mergullarnos na nosa lingua e cultura. Convidamos a todos os veciños e veciñas a participar e descubrir a beleza da nosa literatura a través das diferentes manifestacións artísticas ofertadas. Estamos comprometidos coa promoción da nosa lingua e esperamos que esta programación sexa un reflexo do noso amor polas letras galegas», explicou Samanta Barreira.

A programación arrinca o venres  10 de maio, ás 18:00 horas. A Biblioteca Municipal de Verín organiza unha sesión de conta contos e manualidades das Letras Galegas, dirixida polo seu voluntariado e enfocada aos seus socios e socias máis pequenos (de 3 a 9 anos). As inscricións son obrigatorias debido ás prazas limitadas.

O mércores 15 de maio, ás 20:00 horas, terá lugar Salón de Actos da Casa da Cultura a presentación do libro: “Os apelidos do Concello de Verín” de Suso Lantes. Esta obra recolle o estudo filolóxico de máis de 1.000 apelidos, basicamente do Concello de Verín e da comarca de Monterrei. Pretende aportar algunha ‘luz’ sobre a nosa historia persoal, familiar e social. O devir histórico dos apelidos é a historia dos nosos antepasados. Nome e apelidos son aspectos importantes do noso “currículum”: confórmannos e infórmannos do que fomos e do que somos. Aspectos moi valiosos da nosa cultura.

Por outra banda, o xoves 16 de maio, ás 19:30 horas, actuará no Auditorio Municipal de Verín a Banda de Música de Xinzo. Posteriormente,  ás 20:30 horas, terá lugar a inauguración oficial na Sala de Exposicións a mostra “sóloEdades”, do artista verinés Fernando Barreira. Este proxecto multidisciplinar, que estará aberto ao público ata o 16 de xuño, conmemora os 44 anos de produción plástica do polifacético artista verinés.

Xa o propio Día das Letras Galegas (venres 17 de maio) a Praza García Barbón acollerá, ás 12:30 horas, unha actuación de danza urbana contemporánea inspirada na obra de Xela Arias, Premio das Letras Galegas 2021. «Intempestiva«, interpretada e dirixida por Sabela Domínguez e Julia Laport (Elahood), é unha expresión en movemento da fervenza creativa das novas xeracións. Gañadora do Primeiro Premio e Premio da Crítica no Certame Coreográfico de Madrid (2021) e do Premio ao Mellor Espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres (2021), esta obra ofrécenos a una excelente oportunidade para reflexionar sobre a importancia da arte e a identidade en tempos cambiantes.

O sábado 18 de maio, ás 20:30 horas, o Auditorio Municipal de Verín será o escenario da representación do espectáculo Made In Galiza”, de Sarabela Teatro. Unha obra de Sechu Sende (Padrón, 1972) que abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e conmove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Cada historia  é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega. As entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com, por cinco euros.

Por último, o propio domingo 19 de maio, ás 11:30 horas, celebrarase no Auditorio Municipal de Verín a tradicional Gala Músico – Literaria das Letras Galegas. Na mesma recitaranse os poemas gañadores do Certame de Poesía Xosé Carlos Caneiro Pérez e leranse os traballos galardoados no Certame de Relato Curto Antonio Fernández Pérez. O Conservatorio Profesional de Verín será o encargado de poñer o broche musical a este evento.

“SóloEdades” de Fernando Barreira

Ademais, a Sala de Exposicións do Concello de Verín acollerá a mostra “sóloEdades”. Con 44 anos de traxectoria na escena plástica, Fernando Barreira regresa tras 7 anos de ausencia cunha exposición multidisciplinar que conmemora a súa prolífica carreira a través da iconografía autobiográfica do artista. Desde o 16 de maio ata o 16 de xuño, os visitantes terán a oportunidade de explorar as ilusións, desvelos e obsesións plasmadas nesta mostra, que inclúe unha escolma de varias das súas obras máis emblemáticas; como o tríptico das Lanzas, unha peza épica nunca antes exposta ao público.

A exposición, curada por Tareixa Taboada, convida ao público a mergullarse nunha viaxe emocional a través das obras de Barreira, onde cada detalle transpira a esencia do artista e as súas reflexións sobre a vida, o amor e a identidade. Desde a sofisticación do debuxo ata a hipertrofia figurativa das súas formas, a obra de Barreira desafía a gravidade e transcende as barreiras culturais, fusionando o divino e o humano nun linguaxe visual única.

«“SóloEdades” é máis que unha exposición; é un encontro coa esencia mesma da arte, un refuxio en tempos de caos onde cada obra se converte nun espello das nosas propias emocións e experiencias», destacou Barreira.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario