Castro Caldelas. Coroación da Virxe de Os Remedios

por Redacción Ourense

O Bispado de Ourense vén de inaugurar unha exposición con distintos elementos históricos e artísticos representativos da relixiosidade popular de Castro Caldelas cara á Virxe dos Remedios, ademais da coroa, elaborada en prata sobredourada en base a un deseño do afamado pintor malagueño Francisco Naranjo, así como o manto, vestido e coroa do neno, preparado todo iso para a coroación eclesiástica do día 12.

A este acto, presidido polo bispo de Ourense, Leonardo Lemos Montanet, asistiu o presidente provincial, Luis Menor, quen explicou que esta exposición amosa a devoción popular que Castro Caldelas sempre profesou cara a Virxe dos Remedios, con textos incluso de Vicente Risco que amosan ese sentimento que se mantivo durante séculos e que hoxe en día se mantén ben vixente. O encargado de explicar polo miúdo os detalles desta mostra foi Manoel Carrete, comisario da exposición.

Desde a Deputación, dixo o presidente, “sentímonos honrados de colaborar cunha manifestación da espiritualidade e da relixión, aspecto moi importante para a cultura cristiá”, citando ademais outros exemplos como a Virxe de Fátima en Ourense ou a Virxe dos Milagres.

O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos Montanet, expresou que a exposición é a “expresión de toda a devoción que lle profesa o pobo á Virxe dos Remedios” a agradeceu a implicación do Concello de Castro Caldelas e da Deputación de Ourense.

Un fito histórico

A alcaldesa de Castro Caldelas, Sara Inés Vega, sinalou que para a vila caldelá “é un fito histórico, pois en 2.000 anos non temos unha coroación destas características, e ademais a primeira en galego, sendo o idioma o noso sinal de identidade”. Vega agradeceu o apoio do Bispado e a cooperación da Deputación, “por ser sempre sensible a todas as peticións que lle facemos”; e rematou os agradecementos na persoa de Manoel Carrete, responsable da exposición. Por ultimo, recalcou que “a Virxe dos Remedios será a alcaldesa perpetua de Castro Caldelas”, dada a enorme devoción que lle profesa o pobo caldelao.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario