As subvencións foron solicitadas polas veciñas e veciños a través da pasada convocatoria municipal de axudas para a conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade en edificios de vivendas
O Concello da Coruña aprobou a concesión e aboamento de axudas para mellorar a accesibilidade no bloque residencial número 21 da rúa Marqués de Amboage, un edificio situado no barrio de Catro Camiños.
Estas axudas solicitáronas as veciñas e veciños a través da pasada convocatoria municipal de subvencións para a conservación, mellora da eficiencia enerxética e accesibilidade en edificios de vivendas, unha iniciativa coa que o Goberno de Inés Rey lles facilita ás e aos propietarios a posta en marcha das obras necesarias para garantir a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida desde a vía pública aos seus edificios, así como tamén ás súas vivendas.
O importe subvencionable das obras chega ata o 50% do investimento total a realizar. Desta forma, o Concello contribúe así a facilitar a instalación de ascensores, a creación de ramplas que permitan salvar escaleiras nos portais e, en xeral, a mellora da accesibilidade en áreas comúns. No caso da comunidade de propietarias e propietarios de Marqués de Amboage 21, o Concello achega un total de 25.597 euros para facerlle fronte aos investimentos previstos.
Cómpre lembrar que, xa a semana pasada, o Concello deu luz verde á concesión e pagamento de outras tres axudas deste tipo en dous bloques residenciais dos barrios da Agra do Orzán e o Ensanche. Concretamente, nas rúas Almirante Mourelle, Palomar e Barcelona.