Galicia rexistra en abril a cifra de desemprego máis baixa de toda a serie histórica

por Redacción Galicia

A baixada en Galicia (-9,34 %) supera en máis do dobre á acadada no Estado (-4,37 %)

Galicia pechou o mes de abril cun dato histórico na cifra de persoas en situación de desemprego. Rexistrou 126.334 persoas en paro, o menor dato de toda a serie histórica (1996), é dicir, desde hai 28 anos. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, valorou os datos de paro rexistrado e de afiliacións á Seguridade Social, que se publicaron hoxe, salientando a boa cifra, aínda que apelou á prudencia e a seguir traballando para mellorar o mercado laboral e axustar oferta e demanda.  “É unha cifra histórica que hai que acoller con prudencia e, por suposto, seguir traballando da man do tecido empresarial para a mellora do mercado laboral e da súa calidade”, indicou.

Galicia sitúase como a primeira comunidade autónoma na que máis baixou o paro en termos relativos con respecto a hai un ano e a terceira en absolutos. A caída nun -9,34 % supera en máis do dobre ao descenso rexistrado no Estado (-4,37 %).

O paro caeu tamén na evolución mensual (-2,08 %), e, ademais, o descenso reflectido tanto na comparativa anual como mensual tivo lugar nas catro provincias galegas, nas sete grandes cidades e en todos os sectores de actividade. Tamén caeu o paro nos colectivos con máis dificultades para atopar un traballo. Así, a cifra de desempregados menores de 30 anos (13.851) é a máis baixa nun abril desde que hai rexistros (2006) e a de mulleres en paro (73.339) é a menor de toda a serie histórica (1996). O número de parados de longa duración (63.068) é o menor nun abril desde 2008.

Na comparativa con abril de 2023, por sectores económicos, a baixada do paro liderouna a construción (-12,87 %), seguida da industria (-12,54 %), do sector primario (-11,32 %) e dos servizos (-8,93 %).

Evolución mensual

Con respecto a marzo, o desemprego baixou entre as mulleres (-1,36 %) e os menores de 30 anos (-3,79 %). O titular de Emprego da Xunta, precisamente, indicou a prioridade do Goberno galego para poñer o foco das políticas laborais nos colectivos que presentan máis dificultades para acceder ao mercado de traballo como son, entre outros, os menores de 30 anos, as persoas maiores de 52 ou os parados de longa duración.

Con respecto ás afiliacións, Galicia continúa a crear emprego, cunha suba nas cotizacións reflectida tanto con respecto a hai un ano (+1,72 %) como na evolución mensual (+0,63 %). A comunidade galega conta con 1.068.335 afiliacións, unha cifra superior á rexistrada hai 15 anos (abril 2009).

Triplo compromiso para xerar emprego

O triplo compromiso que asume a nova Consellería de Emprego, Comercio e Emigración vai encamiñada a esta mellora do mercado laboral. Son tres eixos para conseguir un emprego de calidade cun mercado laboral dinámico e inclusivo e un crecemento económico intelixente; garantir a competitividade do tecido comercial, asegurando a súa viabilidade e impulso e o relevo xeracional; e redobrar a aposta polo retorno das galegas e galegos no exterior para atraer talento.

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración atópase nun proceso de escoita activa cos axentes sociais e económicos de Galicia para recoller as súas propostas e poder deseñar a través do diálogo as mellores medidas para avanzar no progreso de Galicia.

Entre outras políticas é preciso seguir incidindo no axuste da demanda coa oferta, para o que a Xunta avoga pola formación para o emprego adaptada ás necesidades do tecido produtivo, co Plan galego de formación para o emprego dotado en 2024 con máis de 117 millóns de euros; coa cooperación cos principais clústeres e asociacións para formar e reter talento; e ofrecendo formacións de curta duración para garantir a reciclaxe e actualización das capacidades dos traballadores.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario