A vitoria de Porriño impide, con todo, garantir a primeira praza de modo matemático
Paso de xigante do Ineltrón Santo Domingo Betanzos en Fontecarmoa. O equipo betanceiro buscaba reforzar o liderado en Vilagarcía e o 78-83 final consigue deixar os de Doc no primeiro posto da táboa a falta de dúas xornadas para o remate da liga. Certo que a vantaxe de 2 vitorias é con Porriño Baloncesto Base, equipo co que se perdeu o average, pero con gañar o seu partido na casa contra o Berberecho de Noia, o vindeiro domingo 12, o Santo acabará a liga no primeiro posto e así ter -teórica- vantaxe nos cruces polo título ao enfrontarse co cuarto clasificado e evitar equipos coma o sinalado Porriño.
Polo que toca ao partido contra o Sigaltec, o resultado é fiel reflexo do moi competido que foi o encontro, sobre todo durante a primeira metade do partido, na que, a pesar do dominio baixo os taboleiros dos de Betanzos, os de Vilagarcía levaron o 1Q por 22-20. Con todo, dende o 24-25 dos primeiros lances do 2Q, que rematou 35-39, os de Doc, agás un 48-47 e un 53-50 no 3Q, sempre estiveron arriba no marcador, chegando a ter unha máxima vantaxe de 14 puntos (56-70). Bo partido de Abelleira(18 puntos) e bos números dos interiores betanceiros: Sanjurjo (16), Brezo (14) e Pepe Moreno (11).Próxima parada, domingo 12 no Carregal, onde se pode certificar, finalmente, o primeiro posto desta Primeira Nacional tan sumamente disputada.