O emprego segue crecendo, pero hai que abordar retos como o desemprego estrutural ou a reforma do despedimento e avanzar cara o pleno emprego
Os datos de paro rexistrado do mes de abril, publicados hoxe polos Servizos Públicos de Emprego, mostran unha evolución positiva do emprego acorde aos resultados habitualmente obtidos neste mes.
O número de persoas desempregadas redúcese en 2.677 respecto ao mes anterior, o que supón un total de 126.334 persoas en desemprego, a cifra máis baixa desde 1996. Con respecto ao ano anterior, hai 13.009 persoas desempregadas menos. Pola súa banda, a afiliación crece en 6.740 e alcanza unha cifra que camiña cara ao máximo rexistrado en xullo de 2008, 1.094.000. Así, esta sitúase en 1.068.335, 18.020 máis que o ano pasado.
Así, tras máis de dous anos desde que entrase en vigor a reforma laboral de 2021, o emprego continúa crecendo con forza e, ademais, segue facéndoo a través do contrato indefinido. Concretamente este mes asináronse un total de 56.455 contratos, dos que 19.000 son indefinidos, é dicir, un 33,66%, cando antes da reforma esta porcentaxe non superaba o 11,37%.
Na afiliación, a temporalidade segue en mínimos históricos do 13,52%, unha porcentaxe que antes da reforma laboral era do 27,14%, reducíndose en 13,6 puntos.
Agora, con todo, é o momento de mellorar as condicións nas que se desenvolven estes contratos, avanzando na protección das persoas traballadoras e garantindo o seu dereito para recibir unha indemnización por despedimento adecuada, con carácter disuasorio e resarcitorio, como recolle a Carta Social Europea. Un aspecto que UGT denunciou ao Comité Europeo de Dereitos Sociais e cuxa resolución aínda non se fixo pública.
Hai que abordar os retos pendentes
Por último, é necesario atender ao desemprego estrutural, que persiste en valores moi elevados: o paro de longa duración continúa afectando en Galicia a 43.100 persoas, a pesar do dinamismo do mercado de traballo. Unha cuestión que apunta directamente á ineficacia das Políticas Activas de Emprego, e en particular á ausencia de Servizos para o Emprego capaces de mellorar a inserción das persoas desempregadas, especialmente aqueles destinados á orientación profesional.
Neste aspecto, o recente Real Decreto que regula a Carteira Común de Servizos do Sistema Nacional de Emprego e os servizos garantidos, aprobado o 30 de abril sen Diálogo Social, non dá unha resposta á altura da situación, pois non establece eficazmente a obrigatoriedade da prestación destes servizos por todas as Administracións territoriais: non regula detalladamente o seu contido, nin establece un plan de actuación que permita o seu cumprimento ao longo do tempo, entre outras cuestións. Ademais, para asegurar a súa prestación, é necesario elevar o número de persoas que realizan estes servizos e mellorar as súas condicións laborais, así como asegurar que o seu financiamento teña carácter finalista, garantindo o seu debido cumprimento e non quedando supeditada ás decisións e necesidades de cada SPE.
Para UGT, acabar co desemprego estrutural é un paso esencial para avanzar cara ao pleno emprego da economía, facendo posible que toda a clase traballadora, e en especial as persoas máis vulnerables, poidan beneficiarse dos froitos da actual etapa de expansión económica coas mesmas oportunidades. Un obxectivo ambicioso, pero que se volveu realista grazas á intensa creación de emprego de calidade e á fortaleza que está a mostrar a economía española, aínda a pesar do adverso contexto internacional.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 2.677 persoas con respecto ao mes anterior (2,08%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 2,22%. No ano rexistrouse unha contracción do desemprego, baixando en 13.009 persoas, un 9,34% menos. No caso do Estado a baixada anual non foi tan forte, do 4,73%. Así, o número total de desempregados sitúase en 126.334 persoas, mínimo histórico en Galicia dende 1996.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego baixa nun 5,42% e no ano a diminución foi dun 8,14%.
Por sexos, no caso dos homes o desemprego baixa no mes un 3,04% e no caso das mulleres nun 1,36%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 8,19% entre os homes e o 10,14% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,05% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 73.339 mulleres, fronte a 52.995 homes.
En canto aos sectores, dáse unha baixada do paro en todos. Diminúe un 2,21% na industria; un 1,98% nos servizos; un 3,42% na agricultura e gandería; un 3,22% na construción; e un 1,36% no colectivo de sen emprego anterior. No ano tamén baixa en todos. Así, baixa un 11,32% no primario; o 12,54% na industria; o 12,87% na construción; o 8,93% no sector servizos; e o 5,30% entre o colectivo de sen emprego anterior.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 33,66%, aínda que, un mes máis, por abaixo do resto do Estado onde é do 44,12%. Realizáronse en abril un total de 56.455 contratos en Galicia.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 73,17%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 32,20%; na industria, do 23,77%; e no primario, do 59,96%.
En canto á taxa de cobertura, esta sitúase no 71,74%, con 84.242 persoas beneficiarias. Deste total, 41.295 perciben subsidios, 4.227 a Renda Activa de Inserción e 38.720 prestacións contributivas. A cifra de persoas que dependen de prestacións non contributivas segue a ser elevada, o que amosa as dificultades que atravesan moitas persoas desempregadas a pesar de percibir prestacións por ser estas con contías moi baixas.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.068.335 de media mensual, aumentando un 0,63% no mes e un 1,72% no ano.